Adxudicada a recollida de lixo en Láncara por 97.000 euros ao ano

Unha das dúas empresas que optou ao concurso presentou un recurso, que foi desestimado O contrato, que terá unha duración de dous anos, tamén inclúe a limpeza das rúas

O Concello de Láncara acaba de adxudicar á empresa Limpergal a recollida de lixo e limpeza viaria por 97.500 euros ao ano. O contrato terá unha duración de dous anos e pode ser prorrogado por outros dous.

O servizo saíu a licitación o pasado mes de febreiro e ao concurso presentáronse dúas empresas. Unha delas foi excluída por remitir documentación fóra de prazo, polo que presentou un recurso no Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia.

Por mor diso suspendeuse de forma cautelar o concurso, aínda que finalmente o recurso foi desestimado. O Concello adxudicou o contrato a Limpergal no prezo anual de 70.932 para a recollida de lixo e outros 26.646 corresponden á limpeza viaria.

A empresa foi citada para finais deste mes para a firma do contrato do servizo. Ata agora este é prestado por unha firma, aínda que conta xa con tres prórrogas. Isto levou a que o Concello decidise sacalo a licitación. No novo contrato inclúese a recollida de papel e vidro, da que na actualidade ocúpase outra empresa, mentres que da limpeza das rúas encárgase persoal municipal.

A nova adxudicataria asumirá a retirada de residuos urbanos domiciliarios, papel, vidro, envases lixeiros, mobles e aparellos domésticos. Tamén se ocupará da limpeza, desinfección e mantemento de colectores.

Segundo recolleron as bases do concurso, os residuos urbanos domiciliarios deberanse retirar como mínimo tres días á semana na Pobra de San Xiao e no núcleo de Láncara, polo menos dous días. No resto das zonas do concello a frecuencia variará en función do lugar. A recollida dos colectores para papel será mensual e de envases lixeiros, quincenal. Pola súa banda, a retirada dos colectores de vidro será segundo estean cheos.

A empresa recollerá os mobles e aparellos domésticos por solicitude dos interesados mediante comunicación ao Concello.

En canto á limpeza das vías e as beirarrúas, intensificarase durante festas ou nos meses xullo e agosto.

Comentarios