Adxudicada en 34.000 euros a obra da pasarela da área fluvial da Pobra

A reforma da infraestrutura, que comezará en breve, ten un prazo de execución de 42 días

Pasarela de madera del área fluvial de A Pobra
photo_camera Pasarela de madeira da área fluvial da Pobra que foi pechada ao paso. AEP

O Concello de Láncara adxudicou na suma de 34.000 euros á empresa Groma Obras a reparación da pasarela de madeira da praia fluvial da Pobra de San Xiao.

Os traballos, cun prazo de execución de 42 días, son financiados con cargo ao plan único da Deputación Provincial de Lugo correspondente a este ano.

A infraestrutura comunica a urbanización de Valdriz co núcleo urbano da Pobra. O Concello pechou a pasarela ao paso de peóns no verán de 2018 ao ser detectados defectos técnicos que producen movementos excesivos na plataforma e deformacións nas vigas principais.

A actuación busca solucionar estas deformacións. Ademais, melloraranse os apoios das vigas principais nos cargaderos de formigón e substituiranse as unións atornilladas das vigas transversais coas principais.

Tamén se aplicará un tratamento de protección á madeira e dotarase á pasarela de iluminación con tecnoloxía led, segundo recolle o proxecto da actuación.

Para acometer estes traballos o Concello lancarés xa conta coa correspondente autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS).

As obras saíron a licitación o pasado mes de maio na cantidade de 38.755 euros. Ao concurso presentáronse seis empresas, das que catro foron excluídas por non presentar a documentación requirida.

Segundo explicou o alcalde, Darío Piñeiro, este mércores celebrarase unha reunión ordinaria da xunta de goberno local, no transcurso da cal prevén aprobar o plan de seguridade para poder comezar con esta reforma.

O alcalde dixo tamén que a dirección de obra xa supervisou a zona para o inicio dos traballos, que poderían arrincar ao longo da próxima semana. Trátase dunha intervención urxente ao atoparse nunha zona moi frecuentada nestas datas.

Comentarios