domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

Adega considera "insuficiente o réxime de protección específico" para o BIC da Cova Eirós

Traballos arqueolóxicos no interior da Cova Eirós. PORTO
Traballos arqueolóxicos no interior da Cova Eirós. PORTO

A asociación aplaude a declaración do lugar como Ben de Interese Cultural pero denuncia algunhas deficiencias

A organización ecoloxista Adega valora positivamente a declaración da Cova Eirós, no municipio lucense de Triacastela, como Ben de Interese Cultural (BIC), pero considera "insuficiente o réxime de protección específico establecido para este xacemento paleolítico, un dos máis importantes do noroeste peninsular", no que foron achadas as primeiras pinturas rupestres documentadas en Galicia.

Adega informou de que acaba de recibir a notificación oficial da Consellería de Cultura coa resolución definitiva da declaración da Cova Eirós como Ben de Interese Cultural, así como a resposta ás alegacións presentadas no período de exposición pública da proposta tramitada pola Xunta de Galicia.

De todas as alegacións presentadas, a Dirección xeral de Patrimonio Cultural admitiu só dous, a que solicitaba a catalogación do BIC na categoría de Xacemento Arqueolóxico, no canto de Monumento, e a que facía referencia aos riscos sísmicos aos que poderían verse expostas as cavidades incluídas neste conxunto paleolítico, de modo que se lle conferiu un "rango máis amplo de protección sobre o conxunto dos seus valores arqueolóxicos, artísticos, palentológicos, históricos e patrimoniais".

De feito, Adega considera acertado que se teña en conta a localización da Cova Eirós no epicentro do triángulo sísmico que forman Triacastela, Sarria e Becerreá, co fin de que se establezan medidas para protexer o xacemento dos habituais movementos de terra nesta zona da provincia de Lugo.

En todo caso, a pesar de valorar a admisión desas dúas propostas, Adega considera insuficiente o réxime de protección establecido para o BIC, en especial no relativo á área de protección finalmente aprobada, porque non se concretan medidas de protección do macizo calcáreo na vertical da cova.

Tampouco se establecen restricións maiores, recorda Adega, ao uso de explosivos na actividade mineira que existe ao redor da cova, de modo que se manteñen os parámetros existentes ata agora e que, para a organización ecoloxista, son "totalmente insuficientes para garantir a integridade e preservación integral do xacemento".

De feito, Adega recorda que xa foron localizadas na cova gretas "de considerable envergadura" e "filtracións moi activas".

Adega considera "insuficiente o réxime de protección específico"...
comentarios