A actriz Benedicta Sánchez conquista a Feira da Tenreira coas súas vivencias

Esta Festa de Interese Turístico de Galicia congregou centos de persoas na Pobra de San Xiao, onde degustaron o produto estrela
Benedicta Sánchez le a placa que lle entregou o Concello, xunto ao alcalde e o presentador do acto. VILA
photo_camera Benedicta Sánchez le a placa que lle entregou o Concello, xunto ao alcalde e o presentador do acto. VILA

A actriz Benedicta Sánchez, gañadora dun Goya pola película O que arde de Oliver Laxe, conquistou co relato das súas vivencias o numeroso público congregado o luns na Feira da Tenreira da Pobra de San Xiao, en Láncara, que goza da distinción como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Metida no papel de pregoeira, a intérprete do Corgo, de 87 anos e Medalla Castelao, foi a gran protagonista da xornada, gañándose os espectadores coa súa autenticidade e accedendo cun sorriso (ela, que foi fotógrafa) a retratarse coas moitas persoas que llo pediron.

Durante o pregón, lembrou os tempos de nena nos que acudía á feira da Pobra de San Xiao para vender chibos. Segundo contou, "era feliz", ata o momento no que tiña que despedirse dos animais.

Explicou tamén o seu amor polos libros e pola xeografía cando era só unha adolescente que pouco imaxinaba o que lle ía deparar o futuro. "Se naqueles anos pasaran a película do que foi a miña vida despois, penso que non resistiría de tanta emoción", confesou.

Benedicta Sánchez falou da súa etapa en Brasil e contou a súa experiencia no festival de Cannes, onde arrancou cunha muiñeira. Recordou tamén a época na que seu irmán formou parte do grupo Los Jaslas da Pobra, primeiro tocando a trompeta e despois como vocalista, cunha voz que lembraba ao mesmísimo Machín.

Ademais, a actriz deixou patente o seu forte vínculo coa natureza. "Eu sinto respecto por unha simple herba. Os carballos non falan, pero para min teñen unha linguaxe impresionante", dixo.

O alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, obsequiou á pregoeira en nome do Concello cunha placa en recordo desta xornada e Benedicta Sánchez despediuse co desexo de voltar cando cumpra cen anos.

Antes do pregón, a corporación municipal, alcaldes e concelleiros doutros municipios percorreron o campo da feira da Pobra, onde houbo exposición de gando e de maquinaria agrícola, ademais de postos de artesanía e alimentación e unha degustación de queixos e sidra ecolóxica do país.

Eu sinto respecto por unha simple herba. Os carballos non falan, pero para min teñen unha linguaxe impresionante"

O xantar, celebrado baixo unhas grandes carpas, contou con centos de persoas que saborearon Tenreira Galega Suprema en distintas preparacións. Familias e grupos de amigos xuntáronse para compartir mesa e homenaxear o produto estrela da xornada.

Tamén estiveron moi concorridos os postos de polbo da feira, amenizada coa música de Punto Clave e na que se sorteou unha becerra.

O BNG refiriuse á gandaría galega "como unha marca de prestixio" e apuntou que nestes intres fai falta defender medidas para que os produtores reciban un trato xusto. No evento houbo membros deste partido e tamén ampla representación de PSOE e do PP.

O día grande da festa puxo fin a unha serie de actos que comezaron xa o 28 de abril e que incluíron torneos benéficos de tute e de parchís, así como a Festa dos Avós.

Comentarios