O actor Andrew McCarthy chega a Sarria percorrendo o Camiño Francés

O estadounidense comezou a ruta xacobea a finais de xullo en Saint Jean Pied de Port co seu fillo Sam, quen tamén é intérprete 
AndrewMcCarthy
photo_camera AndrewMcCarthy. INSTAGRAM

Durante estes días percorren o Camiño Francés miles de peregrinos co seu obxectivo de chegar a Compostela, entre eles atópase o actor de Hollywood Andrew McCarthy, quen onte pasou a noite en Sarria.

O estadounidense comezou a ruta xacobea a finais de xullo en Saint Jean Pied de Port e está acompañado polo seu fillo Sam, de 19 anos, quen tamén se dedica ao mundo da interpretación.

O actor vai relatando o seu día a día no Camiño de Santiago nas súas redes sociais, acompañando este particular diario de numerosas fotografías. Colgou varias imaxes do seu paso por terras lucenses, como da igrexa do Cebreiro ou do castiñeiro centenario de Ramil, no concello de Triacastela.

McCarthy chegou este mércores á vila sarriá, onde durmiu en Casa Solance, un establecemento da Rúa Maior. O artista xa percorrera a ruta xacobea fai unhas dúas décadas, o que lle cambiou a vida", segundo indica el mesmo nas súas redes sociais.

Esta viaxe é unha das experiencias que relata nun libro que publicou recentemente, ‘Brat: An 80s Story'. ‘brat pack'. O actor participou ao longo da súa carreira en numerosas películas, entre elas atópanse ‘St. Elmo's Fire' ou ‘Pretty in Pink', ‘Weekend at Bernie's' e ‘Less than Zero'.

Andrew McCarthy foi un dos integrantes do ‘Brat Pack', bautizado así un grupo de novos intérpretes estadounidenses da década dos 80. Deste formaban parte artistas como Rob Lowe, Demi Moore ou Emilio Estévez. Nos últimos anos dirixiu capítulos de series como ‘Gracie and Frankie', ‘Orange is the New Black' ou ‘New Amsterdam'.

Na actualidade céntrase en escribir sobre viaxes en National Geographic Traveler, The New York Times ou The Wall Street Journal. O seu fillo segue os seus pasos no mundo da interpretación e é un dos protagonistas da serie de Netflix ‘Morto para min'.

Comentarios