Achan no seu piso a un paradelés que levaba varios días morto

Todo parece indicar que se trata dunha morte natural

Un veciño de 64 anos de idade foi achado morto na tarde do xoves na súa vivenda da localidade de Paradela, onde residía só. Todo parece indicar que se trata dunha morte natural e que puido sobrevirlle hai xa varios días.

O home, quen estaba enfermo, residía nun bloque de pisos, no centro de Paradela. Uns veciños foron os encargados de dar a voz de alarma polo forte cheiro que procedía do domicilio. Os residentes comunicáronllo ao alcalde, José Manuel Mato, quen se trasladou ao lugar e deu aviso á Garda Civil.

O sesaxenario deixara a chave do seu piso a un dos seus veciños, coa que abriron a porta e nunha das estancias atoparon ao home morto. Ata o lugar desprazouse unha ambulancia do 061 e os servizos sanitarios só puideron confirmar o falecemento do paradelés. Tamén acudiu o forense para proceder ao levantamento do cadáver. Descoñécese o tempo exacto que levaba morto, aínda que se cre que poden ser xa varios días.

O corpo foi trasladado ao hospital Lucus Augusti (Hula) de Lugo para practicarlle a autopsia. O sesaxenario recibiu na tarde de onte sepultura e está previsto que este sábado se oficie o funeral.

Comentarios