Achado en Lugo o adolescente que faltaba da súa vivenda de Paradela

O menor, de 15 anos de idade, foi visto no centro comercial As Termas por unhas persoas que o coñecían e deron a voz de alarma
Vivienda familiar del menor en Ferreirós (Paradela). VILA
photo_camera Vivienda familiar del menor en Ferreirós (Paradela). VILA

O menor, de 15 anos de idade, que faltaba da súa casa de Ferreiros (Paradela) desde hai varios días foi achado este martes san e salvo no centro comercial As Termas, en Lugo. O adolescente foi visto na tarde deste martes no establecemento por unhas persoas que o coñecían, polo que rapidamente deron a voz de alarma. As forzas de seguridade fixéronse cargo del e foi trasladado a un centro sanitario para sometelo a un recoñecemento médico, aínda que aparentemente atópase en bo estado.

A Garda Civil había mobilizado un amplo dispositivo para dar co menor, desaparecido desde fai máis dunha semana. Nel incluíuse un helicóptero, que este martes se viu sobrevoando localidades como Sarria, Paradela ou o propio pobo de Ferreiros. O pai do adolescente, residente no estranxeiro, atópase en España para ocuparse do menor despois do falecemento da nai. Esta, de 46 anos, foi atopada morta o pasado venres cando axentes da Garda Civil e persoal municipal acudiron á vivenda para preguntar polo adolescente, xa que non acudira a clases nun instituto de Sarria desde o día 2.

O luns tamén foi achada sen vida a parella da muller, duns 50 anos. Ambos eran de nacionalidade holandesa e morreron por suicidio. As forzas se seguridade localizaron ás súas familias e os seus corpos foron trasladados a un tanatorio da localidade de Sarria ata que os seus parentes decidan sobre a súa repatriación. O home e a muller instaláronse na parroquia de Ferreiros, no núcleo do Couto, no ano 2014, logo de coñecelo percorrendo o Camiño de Santiago.

Neste pobo só hai outras tres vivendas habitadas e os veciños están "impactados" tras o tráxico desenlace da parella. "Eran moi amables". Esta adquiriu unha vivenda no barrio e en 2019 trasladouse tamén o menor para vivir coa súa nai e o compañeiro sentimental desta. Os veciños destacan que os tres se atopaban integrados no pobo, converténdose nuns paradelenses máis. A familia, coinciden, era "moi amable".

Aos poucos melloraron a casa. Segundo contan residentes, el era un manitas e foi rehabilitando o inmoble. O obxectivo da parella era pór en marcha un negocio de hostalería dedicado aos peregrinos, pois o Camiño de Santiago discorre xusto por diante da vivenda. Xa iniciaran a adecuación dunha construción, aínda que o proxecto parece que quedou parado. A familia tamén tiña un gran horto e animais, como cans, galiñas, coellos e ovellas.

O Concello fíxose cargo, coa axuda dunha veciña, do seu coidado. O suicidio é un problema de saúde pública e o Ministerio de Sanidade acaba de habilitar o teléfono 024 para a súa prevención. é gratuíto e confidencial.