O accidente mortal no corredor Nadela-Monforte reabre o debate sobre a súa seguridade

A vía rexistrou un gran aumento do tráfico entre Lugo e Sarria nos últimos anos

Accidente mortal registrado en el corredor de Sarria en octubre. J. VÁZQUEZ
photo_camera Accidente rexistrado no corredor este luns. J. VÁZQUEZ

O último accidente no corredor de Nadela a Monforte, polo que dúas persoas perderon a vida e outra resultou ferida moi grave na noite deste luns, reabriu o debate sobre a seguridade das vías de altas prestacións.

O choque frontal produciuse no punto quilométrico 15,100, moi preto da saída da Pobra de San Xiao e O Páramo, nunha recta con liña continua, polo que as primeiras hipóteses apuntan a que un dos dous vehículos invadiu o carril contrario.

Esta vía rápida (CG 2.2) rexistrou varios accidentes de gravidade nos últimos meses. O pasado agosto, un veciño de Monforte morreu nunha colisión entre un turismo e un autobús á altura de Bóveda, mentres que en xullo unha muller resultou ferida moi grave noutro sinistro no tramo máis próximo a Nadela.

Os excesos de velocidade e os adiantamentos indebidos son algúns dos factores que provocan a sinistralidade nunha vía que carece de medianas entre os dous sentidos da circulación e, de Lugo a Sarria, de carrís de adiantamento.

Precisamente nese tramo, entre Sarria e a capital provincial, a estrada rexistrou entre 2016 e 2017 un gran aumento na circulación, estimado nun 10% fronte ao 2% de media da rede autonómica. O pasado ano, o tránsito de vehículos situouse nos 7.126 automóbiles diarios. 

A Xunta ten previsto desdobrar 11,5 quilómetros da vía entre Sarria-Centro e a saída do Páramo e A Pobra de San Xiao, obras que podían empezar en 2020 segundo os prazos que manexa o Goberno galego. Pola súa banda, o Concello de Sarria, reclamou que a autovía de execute completa desde a vila ata Nadela. 

OUTROS CASOS. A seguridade das vías de altas prestacións tamén foi cuestionada no caso do corredor que une Brión e Noia, onde en novembro de 2014 faleceron catro persoas nun accidente. A raíz do brutal sinistro, instaláronse bolardos a modo de mediana para impedir os adiantamentos nos puntos máis perigosos.