Abre a inscrición en cursos de natación e un campamento deportivo en Sarria

O Concello tamén organiza este verán o servizo de conciliación, para o que recibiu máis de 200 solicitudes
undefined
photo_camera Benjamín Escontrela, Claudio Garrido e Félix Seijas. PORTO

O Concello de Sarria abriu este xoves o prazo de inscrición para un campamento deportivo e os cursos de natación para este verán, no que tamén ofrece o servizo de conciliación.

As actividades foron presentadas este mércores no consistorio polo alcalde, Claudio Garrido, e os concelleiros de servizos sociais e deporte, Benjamín Escontrela e Félix Seijas, respectivamente.

O campamento deportivo diríxese a menores de 12 a 17 anos, que poderán gozar de rutas de sendeirismo, xogos sensoriais e acuáticos, kaiak, paddle surf ou yincanas, explicou Seijas. A actividade, organizada pola concellaría de deportes, será por quincenas e de 9.30 a 14.00 horas.

O campamento comezará o 5 de xullo, do mesmo xeito que os cursos de natación. 

Estas, que tamén serán por quincenas, disporán de niveis de aprendizaxe, iniciación e perfeccionamento, así como para persoas con necesidades especiais. Segundo indicou o edil de deportes, como novidade, ofrécese un para mulleres embarazadas, que será gratuíto. O resto terán un custo de 13,34 euros por quincena e o campamento, de 8,86.

Pola súa banda, o programa de conciliación da delegación de servizos sociais, que será do 28 ao 4 de setembro, xa finalizou a inscrición e conta con 233 solicitudes. A iniciativa busca facilitar a conciliación laboral e familiar e que os nenos e as nenas se divirtan en igualdade, con actividades de todo tipo, sinalou Escontrela, quen destacou a "alta demanda". Os menores terán diversas actividades, como unha Eurocopa sarriá, a ruta das Aceas, o Camiño ou adestramentos coa Sarriana e o CB Sarria.

Garrido sinalou que a demanda do servizo de conciliación pon de manifesto a súa necesidade e que as actividades de verán fan posible que todos os nenos teñan as mesmas oportunidades.

Comentarios