PASEANDO POLO campo Manuel Arias Olmo atopou a súa afección e inspiración. Aos seus 89 anos (cumpre 90 nuns días), crea reloxos, entre outras pezas, con restos de árbores que, grazas a este veciño de Lama Redonda, na parroquia de Foilebar (O Incio), teñen outra existencia.
Unha boa parte da súa vida estivo ligada ao mundo da madeira e continúa así tras a súa xubilación. Todo comezou hai máis de doce anos, cando un día foi recoller castañas. "Vin os restos dunha árbore e dixen que de aí se facía un reloxo", recorda. Desta forma empezou a montar os primeiros reloxos -as súas principais obras-, pero tamén algunha percha, espellos, cinceiros ou mesas.
Son pezas "únicas", pois nunca se atopan dous anacos de madeira idénticos. "Pódense facer 50 portas iguais, pero un reloxo é único. Nunca hai outro igual e chaman moito a atención", conta o octoxenario. Traballa principalmente con carballo e castaño, "os máis bonitos e do que hai máis aquí". Para el, "onde hai a madeira máis vella é o máis bonito, canto máis feos son os restos máis bonitas serán despois as pezas".
As formas que lles dá a natureza son caprichosas. Non hai máis que ver un resto que acabou convertido en cinceiro, o cal parece estar envolvido por unha serpe. Recorda tamén un reloxo con forma de xabaril e outro que parece ter un can. "Teñen a forma que ten o madeiro, eu non lles fago a forma. Son formas que me gustan", apunta o octoxenario, quen conserva con agarimo estas pezas especiais.
Atoparse estes restos de árbores é "unha casualidade, onde menos o penses hai unha, é a natureza a que fai esas cousas". Nunca sae exclusivamente a buscalas. áchaas cando, por exemplo, vai de caza ou pasear. "Sempre que vexo un madeiro que me gusta lévoo para a casa", engade este inciense.
Para el crear reloxos é unha "distracción", polo que algúns días pode dedicarlle dúas horas e outros nada. "Paso máis de gana facendo isto que botando a partida no bar", di entre risas.
Dar vida a unha destas pezas leva o seu tempo e a idade non é un impedimento. O primeiro paso é "cocelas unhas dúas horas para quitarlle a casca". Tras deixalas secas, retíralles con paciencia a casca, prepáraas e verniza. A esfera do reloxo é elaborada con pedra, na que debuxa os números e instala o mecanismo. Os de pequeno tamaño acábaos "enseguida", pero os de maiores dimensións poden levarlle "dous días". Agora mesmo atópase preparando un reloxo de campá, no que leva investido horas e aos poucos dálle vida.
Unha parte dos seus traballos pódense ver ano tras ano na Feira de Artesanía e Etnografía do Incio, na que participa desde a súa primeira edición. É a "única" á que asiste para expor as súas obras, aínda que "me teñen chamado doutras e non vou".
O octoxenario realizou xa decenas e decenas de traballos, as cales acaban en mans de familiares e amigos. Asegura que algunhas non as dá por ser especiais, pois son "recordos" que quedarán para os seus descendentes. Uns recordos únicos nos que Manuel Arias deixa gravada a súa pegada.