O 20 aniversario do Grupo Xacobeo Sarria reuniu a 140 persoas

Percorreron o Camiño Francés entre Triacastela e Samos, tras o que gozaron dunha festa 'flower power'

A asociación Grupo Xacobeo Sarria este domingo os seus 20 anos de historia cunha animada festa e unha ruta, actividades nas que participaron unhas 140 persoas.

Estas comezaron a xornada cunha ruta de once quilómetros polo Camiño Francés, entre as localidades de Triacastela e Samos. Elixiron esta ruta xacobea en recordo do primeiro Camiño que completou o colectivo, precisamente hai dúas décadas.

O percorrido finalizou cunha visita á localidade samonense, así como ao mosteiro benedictino ou o museo etnográfica do veciño Pío Préstamo. Neste municipio foron recibidos pola alcaldesa, Chus López.

A continuación, os membros da asociación desprazáronse a Sarria para gozar dunha comida no hotel Afonso IX. Nesta tamén participaron a rexedora samonense, a súa homóloga de Triacastela, Olga Igrexas, e a concelleira do Camiño de Santiago e Turismo do Concello sarrián, Reyes Abella.

A comida incluíu o espectáculo da queimada. Xa na sobremesa o Grupo Xacobeo Sarria organizou unha festa flower power, polo que os asistentes acudiron disfrazados con vestimentas dos anos 70 e 80 e con adornos florais. A celebración estivo animada polo dúo Karamba e prolongouse durante toda a tarde.

Nova excursión

Desta forma, o colectivo celebrou dúas décadas de vida, nos que organizou un gran número de excursións por Galicia, Asturias, León ou Portugal.

O Grupo Xacobeo non para e xa prepara novas actividades para as próximas semanas. A seguinte terá lugar o 9 de xuño, cando programa unha viaxe ao país luso.

Nesta ocasión os membros da asociación desprazaranse a Ponte de Lima, onde coñecerán o festival internacional de xardíns e esta vila. Tamén realizarán unha ruta. Será a Ecovía das Laranjas, xunto ao río Lima.

Comentarios