O comité de empresa de Urbaser convoca unha folga indefinida a partir do domingo en Santiago

A compañía encargada da recollida de lixo estableceu "un sistema de probas para a cobertura de vacantes na categoría de condutor", cando ata o de agora as prazas se adxudicaban por antigüidade, segundo os traballadores

O comité de empresa de Urbaser en Santiago, empresa que se encarga da recollida de lixo, aprobou a convocatoria dunha folga indefinida a partir do próximo domingo "pola intención da empresa de establecer un sistema de probas para a cobertura de vacantes na categoría de condutor".

Segundo apunta o sindicato CIG nun comunicado, o comité demanda a mediación do Concello "para dar unha inmediata solución" a este problema e evitar así "prexuízos" aos cidadáns.

O comité asegura que estas prazas se adxudicaban ata agora por antigüidade, "tal e como vén recollido no convenio colectivo" e partir de agora a empresa, "de forma unilateral", decidiu variar este criterio e establecer un sistema de probas que son "totalmente arbitrarias".

"O que se pretende así é prexudicar aqueles traballadores máis implicados na defensa dos dereitos do conxunto do persoal", afirma o comité no comunicado de CIG.

Segundo indica a representación dos traballadores, "a empresa alega que conta cunha sentenza do TSXG que avalaría esta decisión", aínda que para o comité esta sentenza "refírese a un caso concreto e non se pode utilizar para vulnerar o convenio colectivo vixente".

Comentarios