Rubén Paz: "Fomos case clandestinos, pero a arte vai hoxe a máis"

O grafitero estará no Espazo Hip Hop, un lugar onde se conectan distintas expresións de arte urbano
Rubén Paz, grafitero. XESÚS PONTE
photo_camera Rubén Paz, grafitero. XESÚS PONTE

Rubén Paz empezou sendo un clandestino e hoxe o seu traballo está tan recoñecido que ata ten oco nas festas. "Eu creo que o fenómeno da arte urbano vai ir a máis en Lugo", di.

O seu lugar no San Froilán 2023 no Espazo Hip Hop, un evento que suma xa anos, está consolidado e reúne cada vez a máis rapaces que conectan coas expresións da arte urbano, que non deixa de ser unha manifestación de novas expresións que xa se fixeron oco en ambientes que poida que celebren o onte da súa cidade pero tamén viven ansiando respirar un futuro conectado co mundo. Son dos que se asoman á muralla, ou directamente sáltana, para ver que hai máis aló.

E a súa forma de facer arte é unha forma de relacionarse coa contorna que callou en Lugo e da que xa senten orgullosos ata os máis maiores. "A mentalidade cambiou. Antes, a xente víache pintando e mirábache raro ou directamente cambiaba de beirarrúa. Hoxe é o contrario, miran, achéganse e pregúntanche", conta.

Ruben Trece Trazos, é como lle coñecen no mundo da creación, estará no Espazo Hip Hop o día 11, creando unha obra que teña que ver co rap e a improvisación e será un momento creativo, pero tamén terá algo de clase maxistral, porque aí estarán moitos rapaces aos que interesa o grafiti. "Hai canteira e xa hai bastantes mozos facendo muralismo", subliña o creador, un dos lucenses que alcanzou xa podios e que, por exemplo, coa súa obra de O Quixote, foi elixido segundo mellor do mundo delmes de agosto do ano pasado.

Paz recorda os seus inicios como un tempo cheo de desafíos. Non había espazos nos que estivese permitido pintar, así que andaban ás escondidas. "Iámonos a sitios onde non molestásemos e onde pasásemos desapercibidos, como debaixo das pontes".

Cre que agora os rapaces máis novos e con menos nome téñeno máis fácil, pero só relativamente, porque recoñece que cando alguén empeza "é difícil que a xente confíe en ti, que non tema que vaias a facer unha fechoría".

Non pasa por alto que "os grafiteros nunca fomos moi respectados", pero valora que se foron conquistando espazos e que agora xa hai lugares onde se permite pintar. Cambiou moito a actitude da xente, pero tamén das administracións, advirte.

Nesa opinión que virou cara á aprobación, que agora é incluso entusiasta en moitos ámbitos, influíu que as obras de moitos dos grafiteros serviron para combater o feísmo na cidade e ata levaron o nome de Lugo a foros internacionais de arte urbano, o que provocou o orgullo de moitos.

En parte grazas a ese empuxe, Paz cre que o fenómeno irá a máis, aínda que supón que tamén terá teito, e ve máis que xusto que a arte urbana teña a súa oco no San Froilán. A el, para preservar o eco alcanzado gustaríalle que na cidade haxa grandes espazos que fagan posible soster o boom deste momento.

Comentarios