SALUD

Emma contra Emma: a anorexia actúa coma unha espiral coas súas vítimas

A vida desta rapaza lucense por fin recupera a normalidade que lle roubou hai dous anos a anorexia nerviosa. Esta enfermidade mental distorsiona a imaxe mental que teñen de si mesmos os pacientes, que non son conscientes da súa delgadeza
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera David e a súa filla Emma. VICTORIA RODRÍGUEZ

Algo estaba cambiando na vida de Emma. A razapa sempre desfrutara coa comida, pero levaba un tempo que xa non era así. As racións que servía no prato minguaban por días e pinchaba distraidamente anaquiños extremadamente pequenos para levar á boca. Iso foi a comezos do ano 2021 e fixo saltar as alarmas dos seus pais, que pouco antes do Nadal xa se sorprenderan cando lles dixera que quería facerse vexetariana. Sorprendéranse, si; pero entón non sospeitaron nada estraño.

O seu pai, David –un nome ficticio, como o de Emma, para respectar a súa intimidade– lembra que, paralelamente a este rexeitamento da comida, "a nena estaba cada vez máis triste e angustiada por unha responsabilidade excesiva. Preocupábase moitísimo polas notas do instituto e se obtiña menos de nove xa non lle valía. Ademais, practicaba un deporte e estaba excesivamente pendente dos seus resultados".

O primeiro cambio no comportamento da rapaza foi o seu desexo de facerse vexetariana

Emma tiña 14 anos e neses meses pegou un bo estirón. Pero nen sequera iso fixo que comera. Non tivo a fame fisiolóxica que vai coas medras e quedou moi delgadiña. O seu aspecto xa empezaba a ser un sinal do que lle pasaba.

DIAGNÓSTICO

David explica que "tanto a súa nai, Ana, coma min nunca quixemos pechar os ollos. Hai quen neses primeiros momentos relativiza os indicios, pero nós pedimos cita coa súa pediatra, que nos derivou a psiquiatría inmediatamente". A palabra psiquiatría impresiona. E máis cando a paciente é a túa filla de 14 anos. A túa nena. 

Esa primeira atención foi rápida e axiña tiveron diagnóstico, en febreiro do 2021. Os profesionais amosábanse moi implicados, pero o certo é que a falta de medios complicaba a atención. "As psiquiatras do Sergas preocupábanse polo seu caso, pero hai tanta demanda que as citas demorábanse dous meses. Tamén o equipo privado de psicólogos ao que acudimos se implicou, pero pronto vimos que necesitabamos reforzar os coidados".

Así que cando Emma superou ese primeiro momento crítico e se encontrou algo mellor, buscaron e atoparon o centro que dirixe a psicóloga Natalia Seijo en Ferrol. "Foi unha sorte –comenta David– porque o equipo está especializado en trastornos alimentarios e esa especialización marcou a diferenza dende a cita inicial". 

Nese encontro xa lles deixaron claras algunhas pautas. A primeira: que co menú non había negociación posible. Emma comería o que lle puxeran no prato. "Ninguén nos dixera que non lle podiamos preguntar sobre o quería comer, pero alí explicáronnos que só o feito de facelo levábaa a pensar na comida, na obriga da inxesta, e a meterse outra vez nese conflito. Iso foi moi importante".

Para recuperarse é moi importante o apoio da familia e dos achegados

As normas e o apoio funcionaron e pouco a pouco foron dando pasiños cara adiante. Emma, os seus pais e todos xuntos, pero "foron necesarias moitas sesións e moito traballo da nena cos psicólogos e tamén noso cos psicólogos, para que nos explicaran como actuar", lembra David. Eles tiveron que facer malabarismos co tempo e os traballos, porque houbo moitas viaxes a Ferrol, moitas revisións e probas médicas ás que acompañar a Emma e moito apoio escolar que prestar.

O QUE AGOCHA O TRASTORNO

A persoa que padece un trastorno alimentario aprende a regular as súas emocións e conflitos a través da comida. Pode comer en exceso, deixar de comer, controlar obsesivamente todo o que inxire ou darse atracóns para logo vomitar. David conta que "o equipo de psicólogos ensinounos que o trastorno alimentario é unha consecuencia de algo máis. Adoita ser ansiedade, que como non a poden controlar buscan algo que si poidan controlar, que neste caso é o que comen, o seu peso, o seu corpo".

Un trastorno alimentario é unha consecuencia de algo máis, habitualmente ansiedade

Estes pais tiveron que aprender iso e moito máis. Foi un máster en trastornos da conduta alimentaria a pasos axigantados que despois compartiron cos seus achegados. Por exemplo, a esas alturas a báscula xa desaparecera da súa casa e todos sabían que había que evitar falar de calorías, de engordar ou de gañar peso. "Iso custoulles ás súas avoas especialmente, aínda lles custa agora!", conta David poñendo unha nota de humor na historia.

UN CAMIÑO LONGO

Como empezou todo? No caso da súa filla, David teno moi claro: a pandemia e as restricións nas relacións sociais que implicou exerceron de desencadeantes. "Está demostrado que os trastornos da conduta alimentaria se multiplicaron durante a pandemia, que afectou moito aos rapaces. A adolescencia é unha etapa na que necesitas socializar cos teus iguais, experimentar... e cando non podes, as cousas saen por outro lado. Podíalle tocar a calquera, e tocounos a nós". 

Os trastornos da conduta alimentaria multiplicáronse durante a pandemia e o periodo de restricións

Os seus iguais non deixaron soa a Emma neste proceso: «O seu grupo de amigas arroupárona moito, aínda que algunhas quedaron polo camiño. Houbo xente que lle colleu ‘medo’, porque aínda que a anorexia non é unha enfermidade contaxiosa, todos lle damos voltas ás cousas». A David e Ana tamén os arrouparon, pero "aínda así, ás veces sentímonos un pouco sós".

Agora toca pasar páxina e mirar cara adiante, pero sen baixar a garda, como ben saben estes pais: "Emma está moito mellor, pero isto é moi longo e haberá momentos nos que terá ansiedade e necesitará máis apoio. Pero agora mesmo segue a súa terapia psicolóxica, come ben, sorrí moito e ten gana de facer cousas. Vémola animada e nós tamén o estamos despois do baixón inicial, no que te culpabilizas aínda que todos os profesionais che din que a culpa non é túa". 

comentarios