A Xunta traballará para corrixir "puntos débiles" da candidatura da Ribeira Sacra

A deputada do BNG Mercedes Queixas cualificou de fracaso "colectivo", con nomes "e apelidos", o que non prosperase o proxecto
Román Rodríguez. SEBAS SENANDE
photo_camera Román Rodríguez. SEBAS SENANDE

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, asegurou este mércores no Parlamento de Galicia que a Xunta seguirá traballando "con humildade, seriedade e optimismo" para "corrixir" os puntos débiles da candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio mundial da Unesco.

Neste sentido, sinalou que o Executivo galego e o Goberno central retomarán en setembro os contactos con Icomos, órgano asesor do Comité do Patrimonio Mundial, e ampliarán o grupo que traballa na candidatura.

"Debemos aproveitar a decisión de pospor os trámites finais para fortalecer o noso traballo e acreditar coas máximas garantías os valores excepcionais da Ribeira Sacra", dixo para sinalar que se intensificará a actividade a todos os niveis para "conseguir unha mellor comprensión dos valores excepcionais" que fan que esta zona mereza o máximo recoñecemento por parte da Unesco.

O conselleiro pronunciouse deste xeito en resposta a sendas interpelacións formuladas polo BNG e o PSDEG tras coñecerse o informe elaborado polo Icomos que, conforme indicaron, sinala que non se dan as condicións para o recoñecemento á vista da documentación presentada.

"Continuamos confiando nos valores únicos e excepcionais desta paisaxe cultural e crendo que merece o máximo recoñecemento da Unesco en materia de patrimonio"

Respecto diso, o conselleiro atribuíu o informe negativo a unha "diferenza" de visión "conceptual" entre os técnicos que redactaron a candidatura e os encargados de avaliala. "Uns entenden que se trata dunha paisaxe fósil e estática e os que a elaboraron entenden que se trata dunha paisaxe viva, que evoluciona", apuntou.

Na súa intervención, o titular de Cultura tamén destacou que a Xunta executou en 2020 o 90% das actuacións previstas para a Ribeira Sacra a pesar das complicacións da crise sanitaria derivada da covid e sinalou que o Goberno galego traballa no proceso para a declaración do románico desta zona como un conxunto de bens de interese cultural.

"Continuamos confiando nos valores únicos e excepcionais desta paisaxe cultural e crendo que merece o máximo recoñecemento da Unesco en materia de patrimonio", afirmou para incidir en que, en paralelo á candidatura, a Xunta continuará traballando no Plan Ribeira Sacra, que conta cun investimento de 34 millóns ata o ano 2023.

"No pasado exercicio fomos capaces de executar o 90% das accións previstas a pesar da situación sanitaria e agora imos redobrar os esforzos para superar as previsións iniciais deste ano porque o Icomos recoñece que este instrumento de xestión está a ser clave", explicou.

A socialista Noa Díaz subliñou que a "retirada desta candidatura é a mostra da incapacidade do Goberno de Feijóo para redactar un proxecto suficientemente solvente"

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN. Enfronte, a deputada do BNG Mercedes Queixas cualificou de fracaso "colectivo", con nomes "e apelidos", o que non prosperase a candidatura. "O Icomos delatou a inexistencia dunha planificación política patrimonial por parte da Xunta", sostivo a deputada, que cualificou de demoledor o documento.

Tras apelar ao PP a abandonar "a soberbia", lamentou a "oportunidade perdida" por parte dunha Xunta "incapaz de demostrar o valor universal" deste enclave. "A imaxe que transcendeu de nós é que nos queda demasiado grande e que o goberno non soubo ou non foi capaz de estar á altura", indicou.

Pola súa banda, a socialista Noa Díaz subliñou que a "retirada desta candidatura é a mostra da incapacidade do Goberno de Feijóo para redactar un proxecto suficientemente solvente".

"Iso preocúpanos moito", incidiu a socialista, que tamén tachou de demoledor o informe do Icomos durante o debate das interpelacións que se formulou de forma acumulada.

Comentarios