A Xunta protexerá e difundirá con 550.000 euros a paisaxe da comarca

A conselleira de Medio Ambiente destacou esta iniciativa, incluída nun paquete de 35, para lograr ser Patrimonio da Humanidade
2020102918444164926
photo_camera Asistentes ao acto celebrado este mércores en Santa Cristina. EP

A Xunta de Galicia deu un paso máis para consolidar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Fíxoo coa aprobación dunha iniciativa chamada Pacto pola Paisaxe, un documento que ten como fin protexer, conservar e difundir os valores naturais e patrimoniais da vintena de municipios lucenses e ourensáns que conforman esta comarca.

Esta iniciativa, que conta cun orzamento inicial de 550.000 euros, corre a cargo da Consellería de Medio Ambiente. O seu titular, Ángeles Vázquez, explicou que é un dos dez proxectos que integran o plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra que puxo en marcha o departamento que dirixe e que está dotado cun orzamento de 3,5 millóns de euros.

Destacou que representa unha estratexia de actuación ambiental e de ordenación do medio físico beneficiando un total de 30 concellos.

A conselleira sinalou que algúns dos proxectos están xa materializados, como a unificación das dúas áreas de especial interese paisaxístico nunha, a declaración do Área Integral da Ribeira Sacra e a convocatoria de axudas para o financiamento de accións en materia de rehabilitación e recuperación de espazos públicos grazas aos investimentos a cargo do Plan hUrbe, cun total de oito actuacións en senllos concellos desta zona e que suman un importe de 650.000 euros. Tamén, no campo da ordenación, destacou o plan de ordenación do medio físico para San Fiz de Asma, en Chantada.

Ángeles Vázquez presidiu este mércores no mosteiro de Santa Cristina, situado no municipio ourensán de Parada de Sil, a firma do convenio de colaboración polo que se impulsarán accións para velar polos valores naturais e patrimoniais que atesoura esta área de interese paisaxístico. No acto participaron os delegados territoriais de Lugo e Ourense, un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o presidente do consorcio turístico da Ribeira Sacra, o soberés Luis Fernández Guitián.

A Administración galega ten pechado un orzamento de 34 millóns de euros para impulsar a Ribeira Sacra como destino

O plan estratéxico tamén inclúe medidas para dar a coñecer o patrimonio natural que atesoura a Ribeira Sacra, polo que se traballa na posta en marcha da iniciativa Árbores con Historia, unha nova ruta específica para esta zona que seguirá o esquema das tres xa existentes (Santiago-Rías Baixas, Ourense Occidental e Ourense Oriental), co fin de divulgar os elementos incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, os que se localizan na futura Reserva da Biosfera á que aspira a comarca.

DIVULGACIÓN. Nese sentido, Ángeles Vázquez recordou que a Xunta de Galicia defende a divulgación como ferramenta de protección e conservación, polo que se impulsan medidas para protexer o patrimonio natural, pero tamén que permitan revitalizar o seu atractivo facendo que estes espazos naturais sexan máis sostibles e compatibilizando a súa conservación coa súa proxección turística.

A conselleira subliñou que Galicia atesoura paisaxes espectaculares e únicas, que na Ribeira Sacra concéntranse nos incomparables canóns dos ríos Miño e Sil e que son un auténtico reclamo para o turismo, con capacidade de xerar emprego e riqueza, un aspecto clave no desenvolvemento económico de poboación local.

A Administración galega ten pechado un orzamento de 34 millóns de euros para executar un plan de 35 accións ata o ano 2023.

Comentarios