A Xunta asumirá a restauración da igrexa de Santo Estevo de Miño

O proxecto para conservar este monumento nacional está orzamentado en 324.000 euros
2020070412191782952
photo_camera Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, vista desde o municipio de Chantada. AEP
A Xunta de Galicia levará a cabo obras de restauración na cuberta e no muros da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao) para solucionar os problemas de humidade que afectan o inmoble. A Consellería de Cultura sacou a contratación unha intervención que suporá un investimento de máis de 342.000 euros. Os traballos previstos deberanse executar nun período máximo de nove meses.

O proxecto inclúe tamén a conservación dos paramentos dos muros exteriores, xa que se aprecian numerosas gretas.

Trátase dun templo que está recoñecido como ben de interese cultural (BIC) pola Administración galega coa categoría de Monumento Nacional desde o ano 1931.

VOZ DE ALARMA. Hai catro anos, a Asociación Veciñal do Saviñao remitiu un amplo dossier á Dirección Xeral de Patrimonio no que se constataban varios problemas detectados, como fisuras na escaleira de acceso ao rosetón que coroa a fachada, na parte interna da ábsida e incluso nas arquivoltas da portada.

Ademais, en 2016 alertouse de que había importantes gretas en tres puntos da parede da escaleira de caracol que dá acceso ao rosetón e na zona interna da ábsida e dunha fiestra lateral.

Patrimonio tomou nota da voz de alarma dada por este colectivo, algo que desembocou na redacción dun plan de recuperación integral dunha das igrexas máis importantes tanto a nivel artístico como patrimonial da Ribeira Sacra.

A INTERVENCIÓN. As actuacións consisten en desmontar o tellado e recuperar a estrutura de madeira de castiñeiro, substituír as fiestras existentes por outras que permitan a ventilación continua e selar con morteiro de restauración dos danos na cornixa.

Ademais, realizarase unha limpeza manual dos paramentos exteriores e restauraranse os elementos deteriorados da porta principal e lateral do templo; así como a redacción de proxectos de restauración dos elementos escultóricos cos que conta esta emblemática igrexa.

A beiras do Sil: unha actuación similar nun templo homónimo
No municipio ourensán de Nogueira de Ramuín hai unha igrexa que comparte nome coa do Saviñao. Trátase de Santo Estevo de Ribas de Sil, a que forma parte do Parador Nacional de Turismo, a tiro de pedra de Pantón. A Xunta dispón dun proxecto de intervención que se eleva a 300.000 euros. Con este orzamento permitirán solucionar os importantes problemas de filtracións de auga e a limpeza de todos os seus muros.

Románico
Trabállase tamén nos templos románicos de Atán e Pombeiro, situados en Pantón.

Ben Mundial
O Executivo galego destinou importantes recursos para pór en valor as principais pezas arquitectónicas e artísticas da Ribeira Sacra co obxectivo de que a comarca se convirta o próximo ano en Patrimonio da Humanidade.

Comentarios