Viño gratis en Belesar para os vacinados

Os inmunizados ou con PCR negativas que acudan á Feira do Viño e das Cereixas que se celebra este fin de semana entre Chantada e O Saviñao terán esta recompensa
Dos copas de vino. VINETUR.COM
photo_camera Dúas copas de viño. VINETUR.COM

Os organizadores da Feira do Viño e das Cereixas que terá lugar este fin de semana na localidade de Belesar, compartida entre os municipios de Chatada e O Saviñao, anunciaron que se lle entregará unha botella de viño gratis a todas aquelas persoas que demostren que están vacinados ou que presenten unha acreditación de PCR negativo. Para este agasallo tan só terán que adquirir un quilo de cereixas nas casetas autorizados.

Ademais desta froita case omnipresente nas ribeiras do Miño ao seu paso pola Ribeira Sacra, haberá artesanía e postos de venda de diferentes produtos da comarca, como doces e licores. Os asistentes poderán realizar catas de todo o que se presentará na mostra. Varias agrupacións musicais encargaranse de animar o festexo.

Aos asistentes non lles faltará postos nos que comer o polbo e outros manxares, destacaron desde a organización.

O público tamén poderá seguir o certame de aturuxos, que se celebrará na tarde do domingo entre Papeiros e Rabudos, como se coñecen ancestralmente aos ribeiraos de Chantada e O Saviñao. O premio para o gañador será un lote de viño.

Serán seis os expositores pertencentes á parroquia de Belesar os que poñan á venda as cereixas que nestes momentos, destacaron, presenta xa un elevado grao de maduración e que estará perfecto para a súa venda os días do evento. Falaron de comercializar ao longo das dúas xornadas un total de 3.000 quilogramos deste froito, deixando ao carón a cantidade de viño ao descoñecer o número de persoas que acudan vacinadas ou con PCR negativas.

Comentarios