viernes. 21.02.2020 |
El tiempo
viernes. 21.02.2020
El tiempo

Da viña directo para consagrar

Lagar localizado en Pombeiro. PAADÍN
Lagar localizado en Pombeiro. PAADÍN

Na parroquia pantonesa de Pombeiro localizouse un rudimentario lagar que, segundo algúns estudiosos, puido utilizarse para facer viño de misa para o desaparecido mosteiro

Pola xeografía galega hai repartidos máis de cen lagares escavados directamente na pedra cuxo orixe podería ser anterior á época romana ou vinculado a distintos momentos da Idade Media, en función dos casos. A maioría son sistemas para esmagar a uva moi básicos que apareceron en zonas de produción vinícola. Na Ribeira Sacra hai localizados e documentados catro lagares deste tipo. Dous deles están na zona ourensá do Bibei, na Pobra de Trives, e os outros dous atopáronse en Pantón e en Quiroga.

O catador Luis Paadín e o seu fillo Alejandro publicaron en 2017 un libro titulado As pedras que facían viño no que fan un estudo pormenorizado de cada un destes lagares.

Paadín considera, tras varias pescudas, que os dous xa documentados de Pantón e Quiroga poderían datar do século XII e non estarían entre os máis antigos da Galicia, pero cando menos o de Pantón ten unhas características que o fan singular.

Está situado no lugar de Souto, na parroquia de Pombeiro, e trátase dun dos pequenos achados en Galicia. En concreto, o seu estanque principal ten menos dun metro cadrado, é moi rudimentario e estaría destinado ao pisado da uva a pé. Ten gravada na base unha cruz, polo que Paadín non descarta que se usase para elaborar o viño que se utilizaba no templo de Pombeiro, moi próximo ao lagar.

"Ten un oco moi xusto para introducir unha ánfora de pequenas dimensións e polas súas características podería estar destinado a elaborar mostos de forma moi artesanal", explica Paadín. "Quizá para facer o viño de misa", insiste.

A igrexa próxima é o templo románico de San Vicente de Pombeiro, que formou parte dun mosteiro benedictino do que non queda nada pero que xa existía no ano 935 e que no século XII foi anexionado a Cluny.

Da viña directo para consagrar
Comentarios