A vila de Quiroga disporá dunha zona para estacionar autocaravanas

O proxecto, subvencionado por Turismo da Xunta, ten un custo próximo aos 50.000 euros
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Visita do alcalde de Quiroga ao lugar das obras. EP

O Concello de Quiroga comunicou o inicio dunhas obras tendentes a crear unha área de lecer e de estacionamento de autocaravanas co fin, destacou o alcalde, Julio Álvarez, de fomentar o turismo. Aproveitando unha zona en desuso que comezaba a deteriorarse, situada entre o auditorio municipal e o colexio de Educación Infantil e Primaria, o goberno local decidiu darlle este destino. Nela habilitarase unha zona de paso e parada técnica con seis prazas de estacionamento para estes vehículos, «que posibilitará poder visitar a nosa contorna e os seus lugares de interese.

"A estancia das caravanas restrinxirase de dúas a tres días, posto que as estancias máis longas deben efectuarse nun cámping", destacou o rexedor quirogués.

Para a realización deste proxecto aproveitarase o formigón destinado á parte de estacionamento na zona da pista deportiva. Outra parte de cemento será levantada para configurar unha zona verde na que se plantarán seis árbores para conseguir un espazo de sombra para as autocaravanas.

As obras inclúen dotar a contorna de auga e saneamiento, reparar o pavimento de formigón do acceso e substituír o valado que separa a zona do colexio por outro novo de paneis de malla.

Esta iniciativa ten un prazo de execución de tres meses e conta cun orzamento de 48.382 euros, incluídos no convenio de colaboración entre o Concello de Quiroga e a Axencia Galega de Turismo para a realización de determinadas actuacións de mellora das infraestruturas turísticas do municipio.

Este proxecto, que supervisou o rexedor local xunto cos técnicos na mañá de onte, inclúese dentro dunha idea máis ampla de mellora desta zona da vila, da que forma parte o acondicionamento do aparcadoiro da praza do albergue municipal, que se executa durante hai días.

Comentarios