'A verba viva', un documental que percorre a Ribeira Sacra desde o seu núcleo

Trátase dunha viaxe audiovisual realizado por Lorena Gallardo e Humberto Novoa co que coñecer a identidade de todo o territorio
Paisaxe da Ribeira Sacra, en Chantada. AEP
photo_camera Paisaxe da Ribeira Sacra, en Chantada. AEP

As tradicións, o patrimonio e a paisaxe da Ribeira Sacra cobran vida co documental A verba viva, unha viaxe audiovisual realizado por Lorena Gallardo e Humberto Novoa co que o espectador poderá coñecer de primeira man "a verdadeira identidade deste territorio".

"A Ribeira Sacra é un dos nichos naturais, paisaxísticos, monumentais, turísticos e lingüísticos de Galicia e iso é precisamente no que quere centrarse este documental, que percorre os seus espazos máis emblemáticos, centrándose especialmente nos seus valores culturais e lingüísticos", dixo o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que participou este xoves na presentación do documental xunto aos directores.

"A verba viva. Ribeira Sacra. Paisaxe cultural e patrimonio lingüístico" supón un percorrido pola Ribeira Sacra desde o seu núcleo, que só pode ser entendido polos seus protagonistas, quen achegan ao público os tesouros ocultos deste territorio. 

O documental, que estará proximamente dispoñible en aberto para o consumo e difusión de toda a cidadanía desde o Portal da Lingua Galega, ten como obxectivo, ademais de entreter, promover a Ribeira Sacra e penetrarse no seu patrimonio lingüístico co obxectivo de recoller, recuperar e difundir a linguaxe e os termos propios da forma de vida da zona.     

Participan na obra audiovisual, entre outros, o filólogo e profesor Anxo González Guerra, o divulgador e narrador ambientalista Anxo Moure, os artesáns Elías de Gundivós, Fernando Ibarra e Manuel Gómez (Manolete), o viticultor Primitivo Lareu, a guía do Ecomuseo Pazo de Arxeriz (O Saviñao) Sonia Faria ou Ana Cortiñas, veciña da ribeira.

Tamén conta coa colaboración musical de Searas, en directo, e o grupo Gancho Sanches nos créditos. A verba viva, producido por Chantada Comunicación, gravouse no inverno de 2021 en varios municipios da Ribeira Sacra situados nas provincias de Lugo e Ourense.

Comentarios