A Valedora admite unha queixa dos animalistas contra o Concello de Chantada polo caso de Alma

Libera preguntou ao consistorio se recibira chamadas advertindo do abandono de animais e que medidas adoptou, pero non recibiu resposta municipal
La perra víctima del cazador en Chantada. LIBERA
photo_camera A cadela Alma, vítima dun cazador en Chantada. LIBERA

A asociación animalista Libera informou de que a Valedora do Pobo admitiu a súa queixa contra o Concello de Chantada por non responder á "solicitude de información pública" que realizou este colectivo o pasado 5 de decembro en relación coa morte da cadela Alma, que faleceu no Hospital Rof Codina de Lugo tras ser tiroteada e mallada por un veciño da localidade.

Esta asociación cursou solicitude ao Concello de Chantada para coñecer "se recibiu chamadas polo abandono de animais", como as remitidas "durante varios días polo 112 á agrupación local de Protección Civil e á Policía Local do municipio". Asímismo, preguntáballe "que medidas" adoptou a administración municipal "para cumprir a lei de Benestar Animal de 2017".

"A pesar de que a solicitude foi realizada o pasado 5 de decembro, o goberno local non deu resposta algunha, superando con fartura os prazos fixados na Lei de Transparencia e Bo Goberno de Galicia", ademais de vulnerar "o dereito á información pública dos defensores dos animais", engade.

Segundo Libera, o "fatal desenlace" da cadela Alma "aínda ten información por descubrir", neste caso "con respecto ás chamadas" para informar o abandono de animais" nese municipio lucense "que se produciron en días previos a ese acto de crueldade" e que "non serían debidamente tramitadas".

Libera informou de que xa recibiu resposta por parte da Axega e da Dirección Xeral da Garda Civil á súa solicitude de información.

Comentarios