Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

Uns bois criados en Quiroga, desde Galicia ata a gran pantalla

Gómez e Nogueira, cos seus bois alistanos-sanabreses (as dúas primeiras reses pola esquerda), maroneses (as dúas seguintes) e de raza barrosa (as dúas parellas da dereita). TOÑO PARGA
Gómez e Nogueira, cos seus bois alistanos-sanabreses (as dúas primeiras reses pola esquerda), maroneses (as dúas seguintes) e de raza barrosa (as dúas parellas da dereita). TOÑO PARGA

A cría destes animais é o medio de vida de Mario Nogueira e Cristina Gómez. Pero apostan por dar un paso máis aló e levan tempo usando os seus animais como atrezo de cine ou televisión

NUNHA pequena aldea de Quiroga Mario Nogueira e Cristina Gómez dedícanse á cría de bois e moitos dos seus animais acaban aparecendo nas nosas casas. Como? Son extras de cine desde 2016. Así, tal e como soa.

Mais para chegar a ese papel houbo antes un longo percorrido que comezou en 2001, cando Mario Nogueira se decidiu a retomar no núcleo de Chao da Casa un traballo que xa fixeran seus pais e seus avós moito antes como tratantes de gando. Comezou a traballar cun par de bois, vendeunos e comprou catro animais. Desta maneira foi medrando ata o que é hoxe, tendo 60 bois en propiedade e vendendo sobre uns 200 ao ano.

O seu salto ao cine veu da man dun coñecido, que os recomendou á unha produtora. Entraron a formar parte do reparto da película O final do Camiño, unha produción de RTVE. Neste filme os bois de Nogueira aparecían tirando carros de pedra para construír a Catedral de Santiago e tamén facían traballos de campo. Mais esta non foi a súa única aparición na gran pantalla, xa que os bois de Quiroga cruzarán as nosas fronteiras e sairán en breve nunha aclamada serie inglesa que leva anos emitíndose. Aparte diso, tamén fixeron a súa incursión na publicidade rodando un anuncio para unha marca de roupa estranxeira. E dentro de nada sairán nun filme de Isabel Coixet, Elisa y Marcela.

Cal é o motivo polo que os animais que crían Nogueira e Gómez se usan coma extras? Este gandeiro teno claro. Di que o seu traballo ten a particularidade de que "moitas das razas coas que traballamos son moi difíciles de atopar". E tampouco hai moita xente que teña animais capaces de facer estas tarefas. No caso dos que Nogueira leva como extras, di que son "moi mansos, non se asustan por nada e adáptanse ben". De feito, os actores acabaron moi sorprendidos e mesmo na película de O final do Camiño remataron rodando con eles.

Manuel Nogueira: "Os bois que levamos como extras son moi mansos, non se asustan por nada e adáptanse moi ben"

Facer que estes animais sexan calmos leva un amplo traballo de doma e adestramento, pero con paciencia e boa man conséguese. Ademais, no caso de Mario Nogueira el conta co apoio da súa muller, Cristina Gómez. Como el di, "teño a sorte de que a miña muller me axuda e me apoia activamente", xa que está totalmente involucrada na granxa e  colabora no manexo dos bois.

Este traballo man a man fixo que Cristina leve anos participando como manexadora en romarías ou festas ás que acoden. Sen ir mais lonxe, no pasado Folión de Carros de Chantada esta gandeira obtivo o primeiro posto como manexadora e no San Froilán de León leva varios anos facéndose cos mellores premios. Facendo contas, Cristina apunta que leva coma uns 15 anos con esta afección, que empezou cando se encargaba de "limpar e preparar os bois para as romarías". Despois, como en moitas ocasións, levaban máis dunha parella de bois, así que era necesario outra man para manexalos e aí foi cando ela entrou de cheo no mundo do manexo. Para ela "é un privilexio  facer o que me gusta" e que se valore o seu traballo, pois nos concursos xúlgase o aspecto, o manexo e a preparación dos bois.

Neste punto, Nogueira e Gómez tamén intentan ser o máis fieis posibles a como se facía o traballo no campo antigamente, polo que intentan levar obxectos da época nos carros que teñen, que son de Portugal, Verín e, por suposto, da comarca.

OUTRAS FUNCIÓNS. Mais aparte destes recoñecementos como estrelas de cine e manexos, os bois desta gandería quiroguesa tamén son moi solicitados no mundo gastronómico.

Restaurantes nacionais e mesmo estranxeiros serven carnes destes animais e en feiras do sector tamén hai mencións para esta gandería. Isto foi así, por exemplo, na feira Alimentaria de Barcelona ou no Salón Gourmets de Madrid. Outro lugar onde paran os bois de Nogueira é no País Vasco, onde participan nas Idi Probak (unha competición de proba de arrastre con pedras).

Que fai que estes bois sexan tan prezados? Ademais das razas que ten na súa propiedade (minhota, barrosa, maronesa, vienesa, galega, sayaguesa, candelá, ou alistano-sanabresa) tamén está o contorno no que se crían e a alimentación. Para conseguir as súas características os bois pastan ao aire libre —facendo tamén un importante labor medioambiental— e logo teñen unha alimentación a base de millo triturado, soia, un penso elaborado por Mario a base de trigo, cebada e centeo. 

Uns bois criados en Quiroga, desde Galicia ata a gran pantalla
Comentarios