Unha casa unifamiliar de Pombeiro, en Pantón, quedou calcinada de madrugada

Crese que o incendio puido deberse a un curtocircuíto. Non houbo que lamentar danos persoais
Estado en el que quedó la casa. BOMBEIROS DE MONFORTE
photo_camera Un camión de bombeiros. AEP

Unha vivenda unifamiliar situada na parroquia pantonesa de Pombeiro quedou reducida a cinzas á primeira hora da mañá deste luns, sen que haxa que lamentar danos persoais.

Todo comezou sobre as 21.30 horas do domingo 23, cando se orixinou un pequeno lume no tellado do inmoble. Os bombeiros do corpo comarcal acudiron a sufocar as chamas. Tras conseguilo permaneceron no lugar dúas horas, ata que comprobaron que todo estaba en orde.

Pola súa banda, os propietarios da casa permaneceron ata as 1.30 horas xunto á súa vivenda, momento no que se retiraron a durmir á casa dun veciño. Sen que se saiban os motivos, o lume reactivouse ás 6.30 horas e para cando chegaron de novo os bombeiros as chamas xa consumiran practicamente o inmoble. Crese que a causa do incendio foi un curtocircuíto.