O tramo colapsado en Folgoso salvarase cun novo trazado a media ladeira

A Xunta elixiu esta alternativa por criterios económicos e ambientais e as obras, cun orzamento de 4,8 millóns, terán un prazo de execución de entre dez e doce meses
Presentación de las obras de la LU-651. XESÚS PONTE
photo_camera Presentación das obras da LU-651. XESÚS PONTE

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou este venres a solución elixida pola Xunta de Galicia para evitar o tramo da LU-651 que colapsou o pasado 20 de marzo en Folgoso do Courel. Así, executarase un novo trazado a media ladeira que evitará totalmente a zona afectada polo derrube, cunha lonxitude de 850 metros e unha pendente máxima do 8%, no que será preciso realizar desmontes e terrapléns.

Deste xeito, as obras, cun orzamento de 4.855.930 euros e que se prevé que comecen a finais do próximo ano, contan cun prazo de execución de entre dez e doce meses. A eles hai que sumar tres meses máis para a redacción do proxecto, así como presentación pública, procesos expropiatorios e aprobación definitiva. 

A primeira fase dos traballos consistirá na restitución da ladeira colapsada, un derrube que se produciu pola sobrecarga que sufriron os piares das galerías da canteira que hai nas inmediacións, da que se extrae lousa, mentres que a segunda fase será a construción do novo trazado.

Ethel Vázquez tamén criticou a "falta de transparencia" do Goberno respecto da situación do viaduto do Castro e os desvíos para evitalo

A Administración autonómica deu luz verde a esta opción, de entre as cinco presentadas, seguindo criterios económicos, funcionais, xeotécnicos e ambientais, procurando prexudicar o mínimo posible a paisaxe da zona, explicou Gerardo Pallares, xefe do Servizo de Infraestruturas de Lugo. As outras catro alternativas barallaban restituír o trazado orixinal con recheo ou cun viaduto, instalar un túnel ou realizar un desmonte de 75 metros.

Ethel Vázquez puxo en valor a rapidez coa que se executou o desvío provisional -en oito semanas- e aproveitou para criticar a "falta de transparencia" do Goberno á hora de informar sobre a situación do viaduto do Castro, na A-6. Así mesmo, subliñou que o Ministerio "non contou coa Xunta" nin co sector do transporte para elixir as alternativas ao tramo colapsado.