Tiam GZ: unha banda de Chantada que chega con hip hop "feito na casa"

Catro mozos forman un grupo que, malia levar só dous anos, xa conta con sete temas gravados e elaborados con recursos propios
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Os catro integrantes de Tiam GZ.

Creativos, novos e reivindicativos son tres cualidades que poderían resumir a esencia de Tiam GZ. No ano 2018 catro rapaces da comarca de Chantada amantes da música rap comezaron a xuntarse para facer letras. Daquela experiencia xurdiu unha "mixtape" que subiron ás plataformas dixitais baixo o nome de 'Cantigas'. Os concertos non tardaron en chegar.

Brais Vázquez (Torozas), Iago Suárez (Iagueiro), Álex Varela (Alessov) e Matías Zelayarán (Mr. Mati) son os nomes dos catro rapaces que conforman Tiam GZ. Como eles mesmos din, o seu é un rap "feito na casa" cun micro propio e despois dun proceso de elaboración que comeza coa melodía, que crea Matías.

A partir dela xorde o tema e cada membro da banda prepara a súa parte da letra, que normalmente transmite as súas ideas persoais. "Non temos medo a dicir que a maior parte das cancións son políticas e sociais. Están dentro dun galeguismo combativo», comenta Iago Suárez, quen engade que no seu repertorio hai sitio tamén para «temas máis festivos e ata algún romántico".

Coa axuda dunhas amigas, Tiam GZ gravou xa o seu primeiro videoclip -Chámase 'Flows da nada'- e o pasado verán foi o da súa consolidación entre o público, especialmente o máis novo. "Demos uns dez ou doce concertos. Case todos en Chantada, pero tamén en sitios próximos coma Taboada ou Pantón", di Iago.

Como é lóxico, o contacto estes días quedou relegado ás videochamadas. Durante unha tempada Tiam GZ non poderán facer o que máis lles gusta, que é xuntarse para compoñer e ensaiar. "Ese instante, xunto cos momentos previos aos concertos, é único polo ambiente que se xera", comentan a través da aplicación Skype, que nestes días difíciles permite manter certa vida social. Iso si, non ocultan que ensaiar a distancia "faise difícil".

Malia as complicacións, Tiam GZ pensa no futuro e os seus integrantes deseñan novos temas para engadir aos sete que xa teñen publicados. Segundo afirman, estas primeiras sete cancións tiveron unha boa acollida entre os seus seguidores. A maior parte do seu rap creado na casa pódese escoitar na coñecida plataforma audiovisual de internet YouTube.

A música non para en días incertos 
Tiam GZ, subliñan os seus integrantes, crean e compoñen na casa. A proximidade dos concertos fai que se teñan que reunir para ensaiar. Agora, en tempos de confinamento, aproveitan para elaborar novas cancións e, segundo avanzan, é posible que cando a normalidade volva haxa algún novo tema preparado. Non serán o único grupo que teña sorpresas que amosar ao público cando a corentena chegue á súa fin.
Estrea en Youtube
O grupo Gancho Sanches, unha banda de rock alternativo que ten o seu particular local de ensaio no barrio de Zaquín (Chantada), presentou onte unha nova canción, titulada ‘Salto ao baleiro’. A banda fórmana catro rapaces. Cada un deles gravou na súa casa a parte deste novo tema correspondente ao seu instrumento. Logo xuntaron, ben mesturados, os catro fragmentos nun só vídeo e subírono a internet, onde xa se pode escoitar.

Comentarios