Terra que cura no rural de Chantada

As parroquias de Santa Cruz de Viana e Santa Uxía de Asma celebran cada ano a romaría de Frai Miguel González, chamado o Corpo Santo, que non está recoñecido polo Vaticano e a quen se lle atribúen capacidades milagreiras a través da terra do seu sepulcro

Terra sanadora do sepulcro do Corpo Santo en Chantada. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Terra sanadora do sepulcro do Corpo Santo en Chantada. MIGUEL PIÑEIRO

Momento no que o Corpo Santo e Santa Uxía se atopan e pasan por debaixo do arco floral. MIGUEL PIÑEIROASISTIR Á romaría do Corpo Santo en Santa Cruz de Viana (Chantada) serve para decatarse de que a meirande parte das tradicións débenlle a súa supervivencia aos veciños. Esta procesión celébrase cada ano polo Domingo de Resurrección e nela participan dúas parroquias, a citada e Santa Uxía de Asma, cada unha coa súa igrexa.

A figura de Frai Miguel González é a gran protagonista da celebración. A historia di que este relixioso camiñaba cara a Santiago por Santa Cruz de Viana, onde morreu. Antes de finar, chantou o caxato que levaba na terra e del manou auga. Hoxe en día, a poucos metros da igrexa da parroquia, segue existindo o que os veciños chaman a Fonte do Santo. O contacto coa súa auga, din as crenzas, serve para quitar as verrugas de calquera parte do corpo.

Non é o único milagre que lle atribúen ao Corpo Santo os seus devotos. Frai Miguel González foi soterrado nun sepulcro situado nunha capela anexa ao templo. Á terra que se atopa no seu interior outórgaselle a capacidade de superar calquera mal, xa sexa físico, mental ou persoal.

Esa terra que descansa baixo o sepulcro é compartida por todos os veciños. Se algún habitante de Santa Cruz padecía, por exemplo, do estómago, ía á capela, collía un pouco de terra cunha culler e introducíaa nun saquiño que levaba colgado do pescozo ou escondido nun peto ata que sanaba. Se un labrego tiña medo de que a colleita dese ano fora mala, tamén recorría á terra milagreira do Corpo Santo. Unha vez pasaba o seu temor, devolvíaa ao seu lugar.

Terra con capacidade para curar enfermidades ou solucionar problemas que os veciños comparten e que devolven ao seu sitio para que outros a poidan empregar. Aí reside a gran peculiaridade do Corpo Santo. Creouse tal devoción que houbo varios intentos por que O Vaticano o beatificase. A Igrexa non recoñeceu os milagres relatados polos veciños de Santa Cruz. Si admitiu a figura de Frai Miguel coma corpo incorrupto.

Na actualidade, os veciños destas dúas parroquias -situadas na parte de Chantada máis pegada á serra do Faro- manteñen vivo o costume. Cada Domingo de Resurrección arrinca unha procesión de tres quilómetros que sobe a figura do Corpo Santo desde a igrexa de Santa Cruz ata Santa Uxía de Asma.

Alí espera un arco floral, feito tamén polos habitantes das poboacións próximas. Mentres o Corpo Santo avanza cara arriba, a titular da parroquia veciña, Santa Uxía, sae do seu templo para cruzarse con el no interior do arco. As dúas divindades deben atravesar este particular paso de flores e despois son levadas á igrexa de Santa Uxía, onde permanecen unha semana. Despois de sete días, vólvese baixar o Corpo Santo a Santa Cruz, onde agarda ata o vindeiro ano.

Trátase dun costume ancestral que todo o mundo lembra, tanto en Santa Uxía coma en Santa Cruz. Non está demasiado claro cando comezou. O que si é seguro é que calquera veciño, por moi avanzada que poida ser a súa idade, recorda desde sempre a celebración desta particular romaría.

TESTEMUÑAS. Mentres encabeza a procesión que leva o Corpo Santo ata Santa Uxía, un dos veciños fala das lembranzas que ten desta romería. "Sempre se fixo, non sabería dicir cando comezou. Lémbroa desde que son cativo. Eu non é que sexa moi relixioso, pero aquí quedamos poucos e hai que colaborar cos veciños", di.

Moitos falan dunha época, moi afastada no tempo, na que a romaría do Corpo Santo era unha das máis importantes de Chantada, ao nivel da que se celebra polo día do San Lucas, un dos dous festivos locais no municipio. "A miña avoa, que morreu con cen anos, dicía que cando era nova viña moitísima xente tanto para participar na romaría como á festa posterior", comenta outro dos veciños.

As dúbidas, coma case sempre nestes casos, aparecen á hora de fixar a data exacta na que comezou a organizarse esta festa. Tamén xorden á hora de precisar o significado do arco floral polo que pasan o Corpo Santo e Santa Uxía.

O que está claro é que en Santa Cruz de Viana, os veciños foron quen de manter un costume propio deles e descoñecido ata noutras zonas de Chantada. "Hai xente doutras parroquias ou que vive no núcleo urbano que non ten nin idea do que facemos aquí cada Domingo de Pascua", di unha veciña.

Sexa como sexa, a terra segue debaixo do sepulcro e no interior dunha capela construída polos propios habitantes de Santa Cruz a carón da igrexa. Está claro que poucas cousas teñen máis poder que a fe das persoas.

Comentarios