Tensión entre o goberno local e os docentes do conservatorio monfortino

Os profesores ven "vergoñoso" que nun pleno "onde se fala de servizos sociais dígase o que custa un centro público"
Vista aérea de Monforte. AEP
photo_camera Vista aérea de Monforte. AEP

Os profesores do conservatorio de música Mestre Ibáñez de Monforte responderon ás palabras do equipo de goberno municipal no pleno da corporación celebrado o pasado luns, cando saíu a relucir o custo anual das instalacións (224.000 euros) e a intención de pór ao día a relación laboral dos docentes.

O profesorado manifestou que o Concello "recada en matrículas ao redor de 50.000 euros e recibe unha achega da Deputación de 15.000". Por iso, deducen, o orzamento do conservatorio de Monforte é "baixo" en comparación "con outras poboacións galegas, algunhas de menor tamaño". Puxeron o exemplo na provincia de Viveiro, "750.000 euros; Ribadeo, 319.000; Guitiriz, 176.000, ou Chantada, 216.000".

Desde o equipo de goberno precisaron o luns que o centro está a cargo do Concello e a Xunta só ten competencias en canto á concesión de títulos académicos. De aí, engadiron, que os educadores "non poden esixir que se lles equipare como traballadores da administración autonómica".

Os profesores aclararon que non queren "ser máis nin menos que calquera traballador da administración local", pero indicaron que é a Consellería de Educación "a que marca as normas de organización interna dos conservatorios de titularidade da Xunta".

Os docentes ven "vergoñoso" que nun pleno "onde se fala de servizos sociais dígase o que custa un centro público".

Comentarios