Telefónica nega o corte da liña no Courel e afirma que esta incluso mellorará

A compañía explica que está en marcha un plan de apagado de centrais de cobre para dixitalizar
e transformar a súa rede
Nuevo logo de Telefónica. EP
photo_camera Nuevo logo de Telefónica. EP

Telefónica negou este martes que vaia deixar de dar servizo no Courel asegurou que a conectividade incluso mellorará a partir deste venres. Entón está previsto que a compañía peche a central de cobre, unha acción enmarcada nun plan de dixitalización e transformación da rede da compañía.

Telefónica aclarou que este plan de transformación das centrais está dirixido a completar a cobertura de fibra cunha rede totalmente dixital. A firma sinalou como un dos seus obxectivos que os clientes "poidan gozar da fibra óptica e mellorar a súa experiencia".

A compañía intenta así tranquilizar aos veciños do Courel, que manifestaron o seu descontento polo anuncio, notificado por carta aos clientes, de que este venres se procedería a un apagamento da rede de cobre. Temen que lugares con mala ou nula cobertura queden incomunicados.

Desde Telefónica indicaron que cando se decide o peche dunha central de cobre remítese un burofax cunha antelación de 90 días aos clientes afectados, a quen se lles indican as opcións de servizo dispoñibles. Estas poden ser FTTH (se xa se dispón deste servizo), AFR (acceso fixo radio) ou satélite.

PROCESO. Os consumidores deben comunicar á compañía antes da data do apagamento o tipo de servizo que desexan a partir dese momento. Tamén se lles dá a posibilidade de cambiar de operadora. Se non se responde antes da data indicada, a liña é dada de baixa ao non haber desexo expreso de que Telefónica siga ofrecendo o servizo.

A empresa recordou que está obrigada a proporcionar a calquera cidadán servizo telefónico e acceso a internet de banda ancha a un Megabip por segundo. Ademais, no caso do Courel, Telefónica matizou que os clientes con servizo por AFR disporán de telefonía fixa e internet e, se teñen contratado Fusión, de todos os servizos que ofrece de igual forma con velocidade de ata 30 Megabips.

Máis en Ribeira Sacra
Comentarios