VOLEIBOL

Tecnoloxía para axudar a previr en lugar da curar

O Korbis estrea un sistema para traballar de forma específica cos seus deportistas os defectos que poidan producir lesións

Korbis (1)
photo_camera Unha podóloga examina unha xogadora do Korbis en presenza de varias compañeiras. MIGUEL PIÑEIRO

O pavillón da Pinguela foi escenario este martes dunha curiosa iniciativa. O club Korbis de voleibol fixo unha decidida aposta pola prevención de lesións graves e para iso desenvolveu unha actividade coa clínica de fisioterapia Daniel Rodríguez.

O obxectivo desta iniciativa era detectar en cada deportista posibles erros á hora de pisar, apoiar ou caer para, posteriormente, traballar de xeito específico como non sufrir danos que leven unha recuperación longa e difícil. O director deportivo da entidade, Roberto Castro, explicou que o labor se leva a cabo con catro movementos concretos do voleibol: o salto, o saque, a pisada e o remate.

"Este verán, Daniel Rodríguez, que é un dous nosos colaboradores, e eu pensamos nalgún proxecto para desenvolver xuntos e ocorreusenos traballar a prevención de lesións", indicou o técnico. O proceso consiste nun estudo biomecánico de cada integrante do Korbis.

Roberto Castro indicou que os 115 mozos deportistas que forman parte da disciplina do club someteranse a este proceso. A través do mesmo, unha podóloga analiza a pisada de cada xogador e un fisioterapeuta avalía en vídeo e de forma presencial diferentes xogadas que se producen durante un partido de voleibol.

"Deste xeito, o que queremos é traballar na dirección correcta con cada xogador, saber non que temos que insistir e impedir que apareza algunha lesión que, ademais de impedirlles a práctica do voleibol, afecte á súa vida diaria", comentou Roberto Castro. O adestrador afirma que as retiradas antes de tempo por culpa de lesións en voleibol son frecuentes, pero ao mesmo tempo expresou que é un aspecto que se pode adestrar para reducir as opcións de que ocorra.

A partir deste estudo, os adestradores do Korbis poderán corrixir posturas no saque, caídas tras un bloqueo e saltos. "Os xeonllos e a costas sofren moito, porque hai movementos coma os saltos que son moi repetitivos e se non se traballan poden dar problemas", concluíu Castro.

Comentarios