Tania Vázquez García: "Non podemos ler as cantigas coa óptica actual"

É profesora de Lingua Galega no instituto Val do Asma de Chantada e acaba de presentar o libro 'Mulleres medievais: textos e imaxes na lírica galego-portuguesa', investigación que fixo xunto as profesoras e coordinadoras Esther Corral Díaz e Yara Frateschi Vieira  
G
photo_camera G

Leva anos compaxinando o seu traballo como profesora de Lingua Galega coa investigación sobre as mulleres medievais e o seu papel nas cantigas, que agora expón nun libro conxunto.

Cal foi a súa achega ao libro?
Foi un labor filolóxico, xunto coas filólogas e coordinadoras do volume, as profesoras Esther Corral Díaz (USC) e Yara Frateschi Vieira (Universidade Estadual de Campinas, Brasil). Entre as tres seleccionamos as cantigas, o cal foi complexo, porque intentamos que desen mostra dos distintos tipos de mulleres que aparecen representadas no corpus lírico galego-portugués. Logo realizamos unha paráfrase de cada un dos textos en galego actual, xunto con un comentario. Así mesmo, traducín do portugués o capítulo de Maria Ana Ramos (Universidade de Zurich) sobre a representación das mulleres do ‘Cancioneiro da Ajuda’.

Que nos contan as cantigas medievais sobre as mulleres daquela época que non souberamos?
É sorprendente ver a gran variedade de mulleres de distintas condicións sociais que aparecen mencionadas ou descritas. Moitas figuran sen nome e só coñecemos o seu oficio. A peregrinación feminina na Idade Media adoita estar bastante silenciada, pero existen testemuños documentais que proban a súa existencia. Non debe esquecerse que as cantigas constitúen unha ficción literaria e, aínda que dan boa conta da vida do momento, hai descricións que fan uso da sátira e dos tópicos propios do código cortés.

Cal era o rol das mulleres? Eran creadoras ou protagonistas das cantigas?
Coa documentación que se conserva non podemos afirmar que existiran mulleres adicadas á composición lírica, a diferenza da área occitana coas trobaritz ou a francesa. Isto non quere dicir que neguemos a súa existencia. Puideron chegar a compoñer e os seus textos non conservarse. As soldadeiras foron mulleres que acompañaron no espectáculo a xograres e trobadores con cantos, música e danza.

Hai machismo nas cantigas?
Non podemos ler as cantigas dende a óptica actual. A sociedade medieval era fundamentalmente patriarcal e si, hai cantigas que reflicten actitudes machistas de maltrato, raptos e violencia.

Canto nos queda por descubrir da literatura medieval galega?
O século XX comezou coa descuberta do pergamiño Vindel e chegou á súa fin co achado do pergameo Sharrer. O primeiro conserva sete cantigas de amigo de Martin Codax, mentres que o segundo contén sete cantigas de amor do rei Don Denis. Isto dá mostra de que aínda pode haber testemuños agochados en bibliotecas privadas ou públicas que pasaran inadvertidos.

En que máis proxectos traballa?
Formo parte dunha investigación sobre a lírica europea coordinado pola USC e a UB e financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Entre os días 5 e 7 de marzo darémonos cita en Barcelona nun congreso que terá como finalidade poñer en común os nosos resultados.

Comentarios