Suspendido o festival Castañazo Rock de Chantada pola pandemia

O mercado gandeiro de Chantada, cheo de xente nunha das últimas edicións do Castañazo RocK. AEP
photo_camera Actuación dunha edición pasada do Castañazo Rock. AEP

A asociación cultural que organiza cada ano en Chantada o Castañazo Rock decidiu non celebrar a edición correspondente ao 2020 debido á pandemia. Desde o colectivo comunicaron que resulta "imposible" programar un evento "multitudinario coma o dos últimos anos" e garantir "a seguridade de asistentes, artistas e traballadores". 

A organización do Castañazo engade que a decisión de suspender o festival estaba "pensada desde hai tempo". A tardanza en anunciala debíase á esperanza "de que coa chegada do verán a situación minguara". 

A asociación afirma que a falta de tres meses para a data habitual do festival "impera unha total incerteza e inseguridade en canto ao desenvolvemento deste tipo de eventos" e subliñan os posibles rebrotes que obrigarían "á cancelación a poucos días da actividade", así como a "indefinición en canto a medidas sanitarias e de aforamento". 

Desde o Castañazo mandan unha mensaxe de ánimo a todas as persoas que ano tras ano "fan posible o festival" e agradecen ás institucións públicas como o Concello de Chantada ou a Deputación de Lugo "a comprensión e a axuda amosada". 

Tamén tiveron palabras para o municipio: "Queda sen un dos festexos máis importantes e que tanta repercusión económica e cultural ten".

Comentarios