A subestación de Naturgy de Chantada viuse afectada por un incendio

O incidente deixou sen electricidade a algúns puntos do municipio e da comarca do Deza

Un elemento que forma parte dun transformador de enerxía eléctrica, o que converte a alta tensión en media, situado na subestación que ten Naturgy (antes Unión Fenosa) nos arredores de Chantada, en concreto xunto á estrada Nacional 540 que se dirixe a Taboada, comezou a arder pouco logo das sete da tarde deste mércores. 

As chamas afectaron á denominada chave de corte de subministración dun dos transformadores, un elemento que se refrigera con aceite, polo que o incendio causou unha gran fumareda e alarma entre a veciñanza.

Segundo sinalaron desde o corpo comarcal de bombeiros de Chantada, foron os operarios que se encargan do mantemento das instalacións de Naturgy os que sufocaron o lume utilizando uns grandes extintores do po ABC, en concreto aparellos de 50 quilogramos de carga.

Os bombeiros prestaron o seu apoio e estiveron atentos por se era necesaria a súa intervención directa, algo que finalmente non foi necesaria pola eficiente acción dos operarios de Naturgy.

O accidente causou microcortes de electricidade nalgúns puntos do municipio de Chantada e afectou á liña que fornece enerxía a Lalín, capital da comarca de O Deza. A última hora da tarde toda a subministración estaba restablecido.

Comentarios