Unha alumna do Courel brilla no Galiciencia cunha sondaxe social sobre o covid

Realizou unha enquisa de inquietudes e bulos da pandemia
La ganadora, Gema Montero. EP
photo_camera A gañadora, Gema Montero. EP

A edición número 15 do Galiciencia só supuxo un premio para a provincia de Lugo. Levoullo unha alumna de cuarto diso do colexio Poeta Uxío Novoneyra, de Seoane do Courel. Gema Montero fixo un estudo sobre as inquietudes ou os bulos máis estendidos acerca da pandemia.

O proxecto levouno a cabo da man de dous estudantes de Cataluña (de Sabadell, concretamente), Julia Cruz e Alexia Cuni. Por medio dunha enquisa publicada en internet, as tres mozas sacaron importantes conclusións acerca de como ve a sociedade todo o relacionado co covid-19.

"Fixémolo durante o confinamento, porque era un tema de actualidade do que a xente falaba moito", comenta a estudante. Gema Montero ten 14 anos e cursaba terceiro diso cando empezou o traballo xunto ás súas compañeiras catalás, ás que coñeceu en novembro de 2019 nunha feira de ciencia en Vigo. Alí fixéronse moi amigas e decidiron que colaborarían nun proxecto. O momento chegou no confinamento de primavera.

As tres alumnas elaboraron unhas preguntas para coñecer o que máis preocupaba á xente do entón recentemente chegado covid-19 ou o efecto dos bulos. O resultado foron respostas sorprendentes e un premio na categoría de mellor proxecto relacionado coa pandemia no Galiciencia.

"Atopámonos con moita xente que pensaba que o covid-19 estaba provocado polo 5G ou as ondas radioactivas"

PAPEL HIXIÉNICO. Entre as respostas ás preguntas de Gema, Julia e Alexia hai unha que chama a atención. Quedar sen papel hixiénico -se o recordan foi un material moi demandado e comprado masivamente os primeiros días de corentena- era unha das maiores preocupacións dos participantes na enquisa, ademais do feito de non poder saír.

Gema, que dixo sentirse moi sorprendida pola súa distinción no certame, subliña tamén aspectos positivos das respostas. A súa enquisa constata, por exemplo, que a maioría das persoas vai volver a abrazar e a dar bicos cando todo termine, así como a alegría pola melloría do medio ambiente, un dos grandes beneficiados da inactividade humana durante o confinamento.

Aínda que un dos apartados máis relevantes da enquisa ten que ver cos bulos. Gema, Julia e Alexia preguntaron por eles co fin de comprobar se eran realmente efectivos.

"Atopámonos con moita xente que pensaba que o covid-19 estaba provocado polo 5G ou as ondas radioactivas e non había poucos que crían que era posible curarse da enfermidade con alcol", relata Gema, a quen o estudo permitiulle concluír que esta información falsa calaba "por estar escrita con palabras cultas".

Comentarios