Socratea empeza a súa aventura vitícola da man dunha adega arxentina

O grupo quirogués comercializará este ano 40.000 botellas que espera quintuplicar en pouco tempo e exportar a decenas de países
Juan Luis Vázquez, gerente de Socratea. C.J.G.
photo_camera Juan Luis Vázquez, gerente de Socratea. C.J.G.

O Grupo Socratea comezou a plantación de viñedos na súa propiedade de Casa de Outeiro, por riba de Caspedro, en Quiroga. "Foi un día moi especial e cargado de simboloxía", indicaron dende esta compañía que tamén se adica ao sector turístico. Espera sacar ao mercado en setembro deste ano cinco referencias de viño coas que comezará a súa andaina. Socratea elaborou estes primeiros caldos con uvas procedentes de nove hectáreas de pequenas parcelas espalladas por Quiroga, Chantada e O Saviñao, "co obxectivo de xerar marca e experiencia", afirman.

Polo momento, os viños de Casa de Outeiro están repousando xa en depósitos de aceiro, barricas de carballo europeo e americano.

Serán 40.000 botellas na primeira añada, grazas ao apoio da adega Lar de Ricobao, unha cantidade que esperan poda quintuplicarse dentro de poucos anos, cando comencen a ser rendables os novos viñedos.

APOIO. Para levar a cabo este proxecto os de Socratea contarán coa axuda de Mauricio Lorca, director do Grupo Foster Lorca, unha importante adega arxentina que produce catro millóns de botellas cada ano.

Mauricio Lorca visitou a Ribeira Sacra e quedou sorprendido con esta zona, polo que decidiu apostar por lanzar un proxecto nesta denominación de orixe. En concreto, o arxentino buscaba unha iniciativa que estivese nacendo, polo que a do Grupo Socratea encaixaba á perfección nos seus plans.

Os clientes de Lorca están en Estados Unidos, Reino Unido, Australia, Brasil e en outros 35 países de todo o mundo, polo que a súa canle de distribución internacional para os viños da Ribeira Sacra, e máis concretamente para os de Casa de Outeiro, está totalmente asegurada.

PROXECTO. "Imos poñer Quiroga en numerosos países e podemos estar seguros de que este concello ten o potencial para estar aí", aseguró Juan Luis Vázquez, gerente de Socratea. Este grupo adquiriu en outubro de 2019 unha boa parte dos terreos da Casa de Outeiro (na parte alta de Caspedro, en Quiroga) e o propio inmoble. As dez hectáreas xa plantadas son propiedade de Rectoral de Amandi e o resto de Socratea, que dende entón traballaba coa idea de elaborar uns viños propios.

Ao carón da viña atópase a Casa de Outeiro, inmoble que se construíu no siglo XIV e que na actualidade está en ruínas.

CONSOLIDACIÓN. A idea de Socratea é rehabilitar a casa. "O seu estado é moi malo pero imos comezar cun traballo de consolidación para crear no futuro un proxecto enoturístico alí", explicó Juan Luis Vázquez, consciente de que será un longo camiño. "Vainos levar anos e probablemente sexa o proxecto da nosa vida. É algo moi grande e estamos orgullosos de poder levalo a cabo", indicó ilusionado.

En concreto, o complexo contaría cun aloxamento, un restaurante, un xardín e outros espazos, como unhas salas de catas e un lugar no que elaborar viños de garda e gama alta.

Socratea ten tamén en marcha a apertura dun establecemento hostaleiro nunha antiga casa da vila quiroguesa como unha aposta polo xeodestino que supón ser Xeoparque Mundial da Unesco, un importante selo de calidade que comparte cos concellos de O Courel e Ribas de Sil.

Comentarios