Sober retransmitirá por Facebook a constitución da primeira corporación

O rexedor local explicou que tomou esta decisión ante a innegable penetración que teñen as redes sociais "para que se fale" do municipio

Luis Fernández Guitián, diante da casa consistorial. TOÑO PARGA (alcalde de Sober)
photo_camera Luís Fernández Guitián, diante dá casa consistorial de Sober. TOÑO PARGA

O Concello de Sober informou de que retransmitirá en directo, a través do seu perfil en Facebook, o pleno de constitución da primeira corporación municipal de España, dado que o alcalde electo deste municipio da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, convocou o primeiro pleno deste mandato para as 00:00 horas do próximo 15 de xuño, na madrugada do venres para o sábado.

En declaracións a Efe, o rexedor local, que volverá ser alcalde despois de conseguir a súa terceira maioría absoluta consecutiva, explicou que tomou esta decisión ante a innegable penetración que teñen as redes sociais para dar a coñecer un "feito anecdótico" que serve "para que se fale de Sober" e para que se coñeza un pouco máis este municipio da Ribeira Sacra, na zona sur da provincia de Lugo.

Tamén, dixo, para que, dada a hora á que se celebrará a sesión de investidura, aqueles que "queiran seguir o pleno poidan facelo, con independencia do lugar no que se atopen e só accedendo á rede social Facebook".

Precisou, ademais, que o goberno local elixiu esta canle para retransmitir o pleno porque conta con máis de 6.500 seguidores en Facebook, aínda que matizou que tamén se ofrecerá información a través de Twitter e Instragram, redes nas que o Concello de Sober tamén conta con perfís oficiais.

"Dos máis de 8.100 municipios que hai en España, só un é o primeiro e, neste caso, vaino ser Sober", dixo Fernández Guitián, quen considera que "nas dúas ocasións anteriores, en 2011 e 2015, conseguíronse os obxectivos que se perseguían" con tan temperá convocatoria.

"Son numerosas as actividades, festas e eventos que o goberno local organiza ao longo do ano para atraer visitantes a Sober e que o noso municipio resulte atractivo, polo que esta é unha máis desas iniciativas coas que pretendemos pór ao concello no mapa", insistiu o rexedor local.

A nova corporación estará formada por oito edís do PP, dous de IG-Vivo e un do PSdeG.

Comentarios