Detectan unha vintena de positivos en Chantada tras unha festa e convocan un cribado

Setenta mozos foron chamados para facerse unha PCR este venres 
 

Una prueba PCR. EFE
photo_camera Unha proba PCR. EFE

Sanidade ten previsto realizar un cribado en Chantada este venres a 70 alumnos dos dous institutos do municipio, onde hai un brote activo cunha vintena de positivos.

Crese que os rapaces, ou parte deles, participaron nunha ou varias festas celebradas no concello nas últimas fins de semana. Tras unha delas, unha asistente atopouse mal e, con síntomas, fíxose unha PCR que resultou positiva. Aínda que moitos dos seus contactos estreitos foron localizados e convocados pouco despois para facerse unha proba, parte deles decidiron facerse, previa á PCR do Sergas, outra nun centro privado, onde a algúns se lles diagnosticou a infección.

Con todo, en tres deses casos, cando se fixeron a proba do Sergas á mañá seguinte o resultado foi negativo. Esa particularidade pode explicarse polo CT, o chamado limiar de ciclo, que é o número de veces que debe amplificarse a mostra para detectar material xenético do virus. Se é alta enténdese que a persoa se contaxiou hai tempo e non está en período infectivo. No caso da proba deses mozos en concreto pode ocorrer iso. É dicir, estiveron infectados pero xa negativizaran para cando o Sergas tomou a mostra porque na da privada tiñan un CT elevado.

En calquera caso, eles e outros mozos dos dous centros de Secundaria do municipio serán citados para unha PCR e poder así detectar casos asintomáticos e pechar posibles cadeas de transmisión. Como a miúdo os mozos teñen síntomas moi leves de covid ou non teñen ningún, a enfermidade pódelles pasar desapercibida e contribuír á súa transmisión de forma involuntaria.

COLEXIOS. No cómputo de casos en centros educativos que, de martes a sábado, fan público as consellerías de Sanidade e Educación figuraban este xoves casos en todos os do municipio chantadino. No IES Lambas das Quendas notificáronse 2 casos e no Val do Asma, 1. Ademais doutros 2 no Ceip Xoán de Requeixo e 1 no Ceip Plurilingüe Eloísa Rivadulla, que pertencen a pequenos brotes familiares alleos ao outro.

Comentarios