O servizo de catamaráns logra en xuño mil viaxeiros máis que no 2018

As fins de semana están practicamente cheos. A maioría dos usuarios navega polo Sil

catadoade
photo_camera Saída de viaxeiros do catamarán que navega polo Sil. ANA RODIL

O turismo na Ribeira Sacra está en plena fase de crecemento e proba diso é o incremento de viaxeiros que utilizan o servizo de catamaráns da Deputación de Lugo con saída dos embarcadoiros de Belesar, no Miño; e de Doade, no Sil. No mes de xuño deste ano rexistráronse un milleiro de viaxeiros máis que no mesmo período do 2018 e as reservas para xullo tamén aumentan cada día. Ademais, os fins de semana cólgase practicamente o cartel de cheo, a pesar de que na maioría das saídas que se efectúan desde Doade hai dous barcos a disposición para os pasaxeiros.

Segundo os datos facilitados pola Deputación de Lugo, no mes de xuño do 2018 movéronse nos catamaráns un total de 6.965 viaxeiros. Desa cifra 5.695 navegaron polo Sil e os 1.270 restantes recorreron ás embarcacións do Miño.

Este ano, tamén no mes de xuño, a cifra total de viaxeiros chegou aos 8.017. Desa cantidade 6.237 fixérono polo Sil e 1.780 polo Miño.

No que vai de xullo as reservas para o Sil na primeira semana xa sumaron as 3.772 e as do Miño as 720, aínda que este dato cambia a diario.

As OUTRAS ALTERNATIVAS. Os catamaráns xestionados polo programa de Rutas Fluviais da Deputación de Lugo é só unha das opcións para navegar pola Ribeira Sacra que se ofrecen desde a provincia de Lugo.

Nesta área tamén operan empresas privadas que pon a disposición do cliente embarcacións de menor tamaño e con servizos máis personalizados.

Unha das alternativas para coñecer o Miño sen recorrer aos catamaráns vén da man da empresa Quinta Sacra, que xestiona Luisa Rubines. Esta profesional dispón dunha barca neumática con capacidade para entre 12 e 15 persoas que navega polo río Miño, ao longo do encoro dos Peares.

No río Sil a empresa Sil Trip conta cunha embarcación de 11 prazas e ofrece a posibilidade de participar en rutas xa organizadas ou incluso alugala para eventos ou propostas personalizadas, como a adega Algueira.

As RUTAS. Os catamaráns da Deputación de Lugo que navegan polo río Sil parten do embarcadoiro de Doade con en dirección ao mosteiro de Santa Cristina. O traxecto permite penetrarse no canón do Sil e descubrir a viticultura heroica. No Miño, a saída é desde o embarcadoiro de Belesar poboo en dirección á presa dos Peares. O catamará percorre O Cabo do Mundo, A Cova e chega á illa de Maiorga. Pódense ver varias igrexas románicas.

En ambos os casos o prezo deas de nove euros con desconto para menores, xubilados ou estudantes. Pódense facer reservas a través da páxina http://reservas.rutasembalses.es/ no número de teléfono 982.26.01.96.

Os traxectos teñen unha duración de dúas horas e as saídas tanto no Miño como no Sil no verán son ás 11.30, 16.30 e 19.00 horas.

Comentarios