O Sergas replica ao PSOE que no centro de saúde de Monforte "non se suprimiu ningunha praza"

Asegura que se cobren todas as baixas, coas listas de contratación cando é posible, e se non con intersubstitucións, e atribúe as afirmacións "catastrofistas" de Tomé a un interese electoralista
Centro de salud de Monforte. ARCHIVO
photo_camera Centro de saúde de Monforte. ARQUIVO

A Consellería de Sanidade saíu ao paso das acusacións de "deixamento" respecto ao centro de saúde de Monforte realizadas polo alcalde da localidade, José Tomé, e a secretaria provincial do PSOE en Lugo, Patricia Otero, cun comunicado no que asegura que as afirmacións realizadas "non se axustan á realidade e só buscan confundir e xerar malestar entre a poboación". O Sergas defende no seu escrito o plan de modernización da Atención Primaria levado a cabo pola Xunta e asegura que no ambulatorio monfortino "non se suprimiu ningunha praza sendo, ademais, uns dous centros de saúde mais grandes da provincia e con mais dotación de persoal".

O rexedor e Otero afirmaron que o centro de Monforte conta con catro baixas sanitarias sen cubrir desde hai meses, tres de médicos e un ATS. Ademais, denunciaron que no Concello de Quiroga e no Saviñao a asistencia pediátrica só se realiza dúas veces á semana. Tomé incluso falou de "discriminación" do Goberno de Alberto Núñez Feijóo á comarca de Monforte de Lemos: "Somos a segunda poboación máis grande da provincia de Lugo, con case 19.000 habitantes, merecemos unha atención primaria pública, gratuíta e de calidade, sen recortes como fixo amortizando tres prazas de médico e unha de ATS", manifestou o alcalde.

Respecto da atención pediátrica, o Sergas asegura que "a súa estruturación non variou" e segue sendo a mesma dos últimos anos. Ademais, precisa que "todas as prazas están cubertas". Nesa liña, asegura que o Servizo Galego de Saúde cobre sempre, na medida das súas posibilidades, as baixas que se producen. "Todas as baixas de longa duración cúbrense segundo as posibilidades de contratación que hai, sempre que haxa persoal substituto nas listas de contratación", sostén no seu escrito de resposta ao PSOE.

En concreto, sostén que "das tres baixas" existentes, dúas están cubertas a tempo completo e outra "presencialmente cando se pode, e cando non é posible con intersubstitucións". Trátase dun centro moi grande, que atende a unhas 18.000 persoas e conta con 12 médicos , tres pediatras e 15 ATS, entre outros efectivos.

"As substitucións realízanse sempre en función das necesidades e das posibilidades de substitutos que hai en cada momento", insiste, e enmarca a denuncia dos socialistas nunha estratexia "exclusivamente partidista e electoral". Así, acúsaos de percorrer a provincia realizando as mesmas afirmacións "catastrofistas" en todos os concellos.

Fronte ás súas acusacións, sosteñen que o Sergas aumentou prazas de distintas categorías en Atención Primaria, incluídos facultativos e persoal de enfermería, entre outros. "Na provincia de Lugo o aumento de persoal foi nestes últimos meses o maior dos últimos anos. Ademais, renováronse os equipamentos informáticos e dotouse de novos medios diagnósticos aos centros de saúde da comarca, como desfibriladores, electrocardiógrafos, espirómetros, ecógrafos...; desenvolveuse e potenciouse a consulta telefónica e as interconsultas, entre outras melloras que non teñen paragón con anos precedentes", conclúe.

Comentarios