O Sergas reformará de forma integral o hospital de Monforte

O investimento será de 15 millóns e na primeira fase crearase un novo hospital de día de Oncohematoloxía e outro de Procsos Asistenciais
Hospital de Monforte. EP
photo_camera Hospital de Monforte. EP

O Servizo Galego de Saúde reformará de xeito integral o Hospital Público de Monforte, para dotalo de espazos máis amplos, modernos, funcionais e adaptados ás novas necesidades asistenciais. A principios do vindeiro ano, o departamento sanitario da Xunta de Galicia ten previsto sacar a concurso público a primeira fase destas obras de reforma integral, que no seu conxunto afectarán a unha superficie duns 10.000 metros cadrados do hospital e nas que a Xunta de Galicia investirá uns 15 millóns. Esta actuación enmárcase no compromiso da Consellería de Sanidade de potenciar os hospitais comarcais e acercar a asistencia especializada a todos os cidadáns.

Segundo se contempla no plan director, que rexerá as obras que se van levar a cabo no Hospital Público de Monforte, as actuacións suporán a creación de novas unidades de hospitalización, a creación dun novo hospital de día de Oncoloxía e Hematoloxía e dun hospital de día de Procesos Asistenciais, a creación de novos gabinetes de exploración; a reordenación e adaptación da área de consultas externas; a reforma do servizo de Farmacia; a adquisición de novo equipamento, tanto para Farmacia como para Anatomía Patolóxica, entre outras accións.

A reforma integral do Hospital de Monforte acometerase en varias fases, coa fin de interferir o menos posible no normal funcionamento do centro hospitalario. Trátase dunhas obras moi importantes para o Hospital de Monforte xa que permitirán reordenar, reformar e modernizar case por completo uns 10.000 metros cadrados do hospital e que afectarán á maioría dos servizos e áreas do centro para facelos máis amplos, funcionais e adaptados ás novas necesidades asistenciais.

A PRIMEIRA FASE. O novo hospital de día de Oncohematoloxía contará cunha nova localización dentro do centro hospitalario e cunha superficie dispoñible maior ca do actual. Disporá de 10 postos de tratamentos, dentro dos cales dous serán de illados, dúas consultas médicas, unha consulta de enfermería, entre outros servizos complementarios, como farmacia, controis de enfermería, salas de espera, almacéns, baños e vestiarios.

O hospital de día de Oncohematoloxía creado polo Sergas no Hospital de Monforte permite atender neste centro toda a patoloxía oncolóxica dos pacientes do distrito sanitario sur da provincia sen necesidade de que estes teñan que desprazarse a outros centros hospitalarios. Cada ano aplícanse nel máis de 7.000 tratamentos contra o cancro, o que se traduce noutras tantas viaxes evitadas a pacientes desta zona da provincia. Ademais, cada paciente é atendido por un oncólogo especializado na súa patoloxía concreta, de xeito totalmente personalizado, o que garante a todos os veciños da provincia a mesma calidade na atención independentemente do seu lugar de residencia.

Nesta primeira fase tamén se creará un hospital de día de Procesos Asistenciais, que contará cunha ampla sala de tratamentos, con sete postos, un deles para illados, ademais doutros servizos. En total, os dous hospitais de día suman 17 postos de tratamento. En total, o novo hospital de día Oncohematolóxico e de Procesos pasarán dos 160 metros cadrados actuais a dispor, tralas obras de reforma, dunha superficie útil dispoñible de 390 metros cadrados.

TRABALLOS . Para poder iniciar estas obras de xeito inmediato unha vez sexan adxudicadas, o Sergas está a executar os traballos previos, coa fin de liberar os espazos necesarios dentro do hospital nos que emprazar os novos servizos. Así, construíronse xa catro novos locais na planta baixa do hospital (no edificio novo), para trasladar a eles os almacéns. A zona que ocupaban os almacéns está a ser acondicionada para trasladar a ela varias consultas localizadas ata o de agora na segunda planta. Deste xeito, quedará liberada unha boa parte da segunda planta, na que se construirán o novo hospital de día de Oncohematoloxía e o de Procesos Asistenciais, incluídos, na primeira fase das obras.

O Sergas tamén acometeu a dixitalización de todas as historias clínicas do hospital, deixando libre un importante espazo que ocupaba o arquivo, o que permitirá ampliar cara esa zona o Servizo de Farmacia.

UNIDADE DE HOSPITALIZACIÓN. En total, as obras afectarán a unha superficie de 10.000 metros cadrados. Deles, 4.000 metros cadrados serán da área de hospitalización, que será renovada na súa totalidade, afectando ao 100% das plantas de ingreso. O resto das obras permitirán renovar o 70% da superficie do hospital. Pero, ademais, actuarase sobre as fachadas e carpinterías exteriores, coa fin de mellorar a eficiencia enerxética e o illamento térmico e acústico do edificio.

As actuacións que se levarán a cabo nas distintas unidades de hospitalización contemplan reformar por completo as plantas nas que ingresan os pacientes, para crear unidades de hospitalización totalmente novas, con habitacións máis amplas e máis confortables, algunha delas de uso individual. Ademais, crearanse controis de enfermería máis amplos en cada unidade, e as unidades de apoio necesarias para cada unha delas.

Cada unha das unidades de hospitalización contará con 14 habitacións con baño, unha sala de curas/técnicas, un control de enfermería, unha sala de información para familiares, unha sala de traballo de persoal, unha sala de estar, varios almacéns (farmacia, lencería), un oficio de comidas, dous aseos para o público e dous para persoal, unha sala de estar para familiares, un despacho e zonas comúns.

EXPLORACIÓN. A reforma do Hospital de Monforte recolle, así mesmo, a creación de novos gabinetes de exploración de Dixestivo, Cardioloxía Xinecoloxía e Obstetricia e Pneumoloxía, coas súas áreas de apoio correspondentes. Así, no novo gabinete de exploracións de Dixestivo haberá dúas salas de endoscopias, consultas, unha sala de preparación/ técnicas con control propio, unha sala de lavado, almacéns, vestiarios e sala de espera. Pola súa banda, na área de Cardioloxía disporase dunha consulta de cardioloxía e dous gabinetes para probas cardiolóxicas, entre outros servizos complementarios.

Os servizos de Xinecoloxía e Obstetricia tamén se verán mellorados. Crearanse catro consultas para xinecoloxía e obstetricia, con gabinetes de técnicas específicas, aseos, vestiarios e salas de espera. E, finalmente, na área destinada a Pneumoloxía crearase unha consulta da especialidade e un gabinete de técnicas específicas/espirometrías, entre outras áreas de apoio.

Outra importante actuación prevista é a reforma integral e reordenación da área de consultas externas do Hospital de Monforte, na que se modernizarán e reformarán as consultas existentes, á vez que se agruparán por servizos e se homoxeneizarán zonas comúns das mesmas.

Tamén se prevé a reforma e reorganización do Servizo de Urxencias do hospital, que afectará principalmente á súa área de observación.

Comentarios