As rutas en barco polo Sil e o Miño pecharon xullo con case 8.000 viaxeiros

A previsión da Deputación é que este mes se cubra a totalidade das prazas dispoñibles
undefined
photo_camera O embarcadoiro de Ponche do Sil, en Monforte, é un dos puntos de saída do catamarán. AEP

As rutas fluviais seguen consolidándose como un dos principais atractivos da Ribeira Sacra. Boa proba deles son os últimos datos difundidos pola Deputación de Lugo relativos á ocupación dos catamaráns. Ao longo do pasado mes de xullo, preto de 8.000 persoas realizaron estas viaxes polos ríos Sil e Miño, o que supón máis dun 90% dos asentos dispoñibles.

A elevada demanda e o feito de que se estean cubrindo practicamente todas as prazas fai, dixo a responsable de turismo, Pilar García Porto, que na institución provincial estean "moi contentos" coa marcha desta actividade.

A deputada tamén constata un cambio no perfil dos viaxeiros. Se na primavera e a principios de verán a maior parte dos que navegaban pola Ribeira Sacra en catamarán procedían dalgún punto de Galicia, en xullo, indicou, "a maioría dás persoas foron doutras zonas de España". Cataláns e andaluces son os que máis demandan este recurso turístico e, paralelamente, percíbese un incremento "na chegada de persoas estranxeiras", afirmou García Porto.

As previsións de cara a este mes que acaba de comezar non poden ser mellores. Na mañá de onte estaban esgotadas todas as prazas ata o día 19, salvo cancelacións de última hora que se puidesen producir. "Xa temos preto do 70% de ocupación coas reservas rexistradas, algo que indica que probablemente cheguemos ao 100%", apuntou a deputada en referencia ao presente mes e antes de recordar a importancia de que a xente que pense facer a ruta "reserve con antelación, pois se agardan ao último momento poden quedan sen billete", advertiu.

TEMPADA. Polo que respecta a este ano, a Deputación decidiu anticipar o inicio da campaña de rutas fluviais. Se normalmente empezaban en Semana Santa, este 2021 abríronse en San Xosé.

Este adianto, dixo a deputada, responde á capacidade do catamarán "para axudar a recuperarse aos sectores económicos máis afectados polas restricións e a dinamizar a economía dá Ribeira Sacra", ademais de ser unha "boa maneira" de promocionar o territorio.

Horarios
Dous embarcadoiros e oito viaxes ao día
Os catamaráns da Deputación de Lugo contan con dous percorridos. O primeiro parte de Ponche do Sil, en Monforte, para atravesar o canón do Sil. Neste caso hai dúas embarcacións e realízanse cinco saídas diarias, cada unha de dúas horas. A segunda é a ruta do Cabo do Mundo e transita tres veces ao día pola canle do río Miño, pasando polos municipios do Saviñao, Pantón e Chantada. Ata o día 12 de setembro funcionarán de luns a domingo e a partir de entón e ata a ponte do mes de decembro o catamarán navegará só de mércores a domingo.

Reservas
As entradas para estas rutas pódense adquirir a través da páxina web reservas. rutasembalses.es, enviando un correo electrónico á dirección [email protected] ou no teléfono 982.26.01.96, activo de luns a venres de 9.00 a 14.30 horas.

Comentarios