Roki arrasa en Escairón

Aníbal Liñares, de Vilagarcía, gaña a edición número 69 da carreira de burros da capitalidade do Saviñao, historia pura do verán na Ribeira Sacra

A ESTE Roki non lle fixeron falta nin a grafía inglesa, nin luvas de boxeo nin apellidarse Balboa para derrotar aos seus rivais. Como xa sucedeu o día 21 noutra competición celebrada en Parga (Guitiriz), o burro montado por Aníbal Liñares foi o mellor da carreira de Escairón, un evento histórico que se celebra de forma ininterrompida desde hai 69 anos e que pecha cunha gran dose de diversión as festas na capitalidade do Saviñao.

Roki e o seu xinete destacaron desde a manga de clasificación. O binomio procedente de Vilagarcía de Arousa voou polos costados do campo de fútbol da Lama, a rebordar de público, como sempre, para animar aos animais.

Á carreira de Escairón non lle faltaron os seus ingredientes máis típicos. Houbo algunha que outra caída, burros desorientados aos que custaba levar tranquilos á liña de saída, velocidade, emoción e, sobre todo, moitas risas.

Ninguén puido igualar a rapidez de Roki, o gran protagonista da proba. Xusto detrás súa entrou o mozo Igotz Bilbao a lombos de Neno, dous habituais dunha competición que é ta unha das citas marcadas en vermello no calendario estival da Ribeira Sacra.

O segundo posto tivo o acento vasco de Igotz e Neno e o podio completárono Antonio Aradas e o burricán Dinamita, de Abegondo, outros dous históricos en Escairón. Este binomio defendía o seu trono, xa que se proclamou campión na edición de 2018.

Mentres estes nomes brillaban con luz propia na categoría raíña da carreira de burros de Escairón, outro clásico da proba impúñase na división reservada a animais e xinetes locais. Isaac Losada, subido encima de Abelardo, excedeu a meta xusto por diante do seu irmán Rubén, dous veciños de Escairón que foron profetas na súa terra.

Tras a velocidade, os burros tomáronse un merecido descanso, pero a festa estivo lonxe de deterse. O campo da Lama substituíu o fútbol polo tiro da corda, que mediu a forza dos participantes nas últimas rabexadas de varios días de celebración e concertos infestados de xente.

Comentarios