Roberto Eireos será o candidato do PP á alcaldía de Monforte

O comité electoral do partido terá que referendar o aspirante, un empresario de 42 anos que substituiría a Julia Rodríguez

Roberto Eireos. TOÑO PARGA
photo_camera Roberto Eireos. TOÑO PARGA

O empresario Roberto Eireos Sáez (Monforte, 1977) ten todas as papeletas para ser a próximo cabeza de lista do Partido Popular para optar á alcaldía monfortina nas eleccións locais do próximo mes de maio, en substitución de Julia Rodríguez Barreira, quen optou a este cargo sen éxito nos comicios de 2011 e 2015.

Eireos é moi coñecido na cidade ao ser copropietario de dous locais de hostalería, a cafetería Pra e o restaurante e pub Awa, ademais de formar parte da dirección da autoescola Lemos.

Desde o ano 2015, Eireos é concelleiro no Concello de Pantón e xa en 2003 formou parte da candidatura deste partido por Monforte, cando a lideraba Nazario Pin.

As fontes do PP consultadas indicaron que é cuestión de días que se anuncie de forma oficial a candidatura de Eireos, a quen se lle propuxo liderala hai xa uns meses e ao que finalmente convenceron o pasado domingo. O presidente do partido a nivel galego, Alberto Núñez Feijóo, deu o seu visto e prace a esta opción. De forma paralela, a dirección do PP levaba tempo intentando convencer a Julia Rodríguez Barreiro de que rexeitase a encabezar a lista. Fixéronlle ver que o seu liderado non tiña máis percorrido, que tanto os resultados obtidos en 2015 como a súa falta de empatía coa cidadanía non auguraban bos resultados nas locais do próximo ano. Ambas as percepcións foron determinantes á hora de buscar un substituto, "aínda que fose a última hora", sinalaron destacadas fontes do PP, para "polo menos non sufrir un trompazo na segunda cidade da provincia".

Os preguntados pola situación que se vive en Monforte non dubidaron en indicar que non é "fácil contentar ás familias existentes no partido a nivel local", e que Roberto Eireos podería ser unha persoa que aglutinase a todas, algo que non se deu nos últimos comicios.

Sobre o máis que previsible novo líder do PP na cidade din que se trata dunha persoa "áxil, resolutiva, con bo carácter e cunha gran cantidade de amigos", ademais de cualificalo de humilde, "pois se non sabe sobre algo, pregunta", destacaron. Todas estas calidades xogaron ao seu favor, aínda que Eireos puxo como condición ter certa potestade á hora de conformar a candidatura con aqueles que o acompañarán.

UNHA LISTA RENOVADA. Roberto Eireos puxo poucas condicións para encabezar a candidatura dos populares de Monforte. Só pediu poder rodearse das persoas que, cre, poden axudar a, se non gañar, polo menos manter o tipo nuns comicios nos que o PSOE aspira a lograr a maioría absoluta. As fontes consultadas indicaron que volvería o actual edil Iván Vázquez,  quen consideran un gran activo; e que se incorporaría ao proxecto o presidente da denominación de orixe Ribeira Sacra.

Comentarios