A Ribeira Sacra terá unha federación de colectivos veciñais

Un dos seus obxectivos será gañar voz para participar na elaboración da nova candidatura da comarca a Patrimonio da Humanidade
Os colectivos reunidos en Tuiriz. EP
photo_camera Os colectivos reunidos en Tuiriz. EP

Unhas 30 asociacións veciñais da Ribeira Sacra acordaron por unanimidade nunha reunión celebrada en Tuiriz (Pantón) constituír unha federación de colectivos de residentes. Nacerá con varios obxectivos, un deles participar e gañar voz na elaboración da nova candidatura da comarca a Patrimonio da Humanidade da Unesco.

Os promotores da iniciativa entenden que non se debe desenvolver un informe sen ter en conta a opinión das persoas que viven na zona, o que, segundo critican, ocorreu a primeira vez. Os colectivos din que desta volta enviaron unha serie de propostas ás Administracións públicas, en concreto á Deputación e á Xunta, para ser incluídas no documento oficial. Non obtiveron resposta, como indicaron, 15 días despois.

Na reunión de Tuiriz, feita no local social da asociación de veciños desta parroquia, participaron grupos chegados da provincia de Ourense, de concellos coma Esgos, A Teixeira ou Castro Caldelas. Non asistiran estes á primeira reunión do conxunto de asociacións, realizada hai unhas semanas en Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón). Ademais sumáronse novas entidades de Pantón, Sober ou Chantada.

MÁIS OBXECTIVOS. Participar na candidatura ante a Unesco non é a única meta anunciada. A federación veciñal tamén quere desenvolver proxectos relacionados co patrimonio inmaterial, corrixir cartografía (afirman que hai no informe moitos lugares da Ribeira Sacra mal situados ou nomeados) ou coñecer as liñas de subvención que favorezan os habitantes. En resumo, máis información e colaboración coa xente á hora de distinguir a Ribeira Sacra, pois segundo aseguran hai aínda moita confusión.

Outros asuntos a tratar foron a creación de canles de comunicación internas e externas ou a participación coma entidade propia en espazos de traballo común, como poden ser os vencellados á Resera da Biosfera ou os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR).

Por outra banda, dende a federación chaman a convocar urxentemente o consello de parroquias e a mesa interdepartamental, aprobada e regulada polo decreto 105/2020 e que, segundo denuncian, "nunca foi convocada".

Comentarios