A Ribeira Sacra preséntase en Fitur como "un paraíso de interior"

José Tomé e Belén do Campo destacaron a declaración en 2021 por parte da Unesco do territorio como Reserva da Biosfera
Ribeira Sacra en Fitur. CONSORCIO DE TURISMO RIBEIRA SACRA
photo_camera Ribeira Sacra en Fitur. CONSORCIO DE TURISMO RIBEIRA SACRA

A Ribeira Sacra vendeuse este venres na feira internacional de turismo Fitur que se celebra en Madrid como un "paraíso de interior" que gaña ano tras ano visitantes atraídos polas paisaxes e a oferta cultural e gastronómica.

A promoción desta zona reuniu en Ifema durante a mañá do venres a representantes de administracións e entidades que conforman o Consorcio da Ribeira Sacra.

No acto de presentación participaron o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo; ademais de alcaldes da comarca.

"Sempre digo que a Ribeira Sacra é un anaco de paraíso no interior de Galicia, e a súa declaración como Reserva da Biosfera é un dos feitos que o confirma", resaltou José Tomé.

A declaración por parte da Unesco da Ribeira Sacra e Serra do Oribio como Reserva da Biosfera chegou o pasado ano 2021 e fai que, como recordou o presidente lugués, a provincia de Lugo teña "máis do 80% do seu territorio" baixo este instrumento de protección.

Pola súa banda, Belén Do Campo manifestou que a declaración supón "un fito máis" na posta en valor do territorio que "abre unha nova oportunidade para demostrar que se pode combinar perfectamente a conservación da biodiversidade e do patrimonio natural co desenvolvemento sostible".