Ribas de Sil rexistra cifras récord este verán na súa área para autocaravanas

Cada día pasan a noite unha media de dez destes vehículos no aparcadoiro destinado para eles e nas súas proximidades, algo que celebran tanto desde o Concello como desde a hostalería
undefined
photo_camera A zona de aparcadoiro de autocaravanas de San Clodio ten capacidade para tres vehículos. C.J.G.

A pandemia disparou o número de persoas que elixen a autocaravana como medio para desprazarse nas súas vacacións. Constátano en Ribas de Sil, onde a súa área para este tipo de vehículos non deixou de encherse nin un só día este verán. Tanto é así que moitos vense obrigados a estacionar nas proximidades.

O tenente de alcalde do municipio, Roberto Castro, explica que cada día pasan a noite unha media de dez autocaravanas, cifra que se supera con fartura algunhas xornadas. Ao principio, a chegada destas casas como unha seda a Ribas de Sil concentrábase nos principios e finais de quincenas e en Semana Santa, posto que a área era unha mera zona de paso.

Con todo, a tendencia cambiou e, aínda que son moitos os que seguen parando tan só unha noite para logo continuar camiño, crecen os que ao descubrir o lugar deciden quedar máis días para coñecer a contorna.

A maioría dan coa área de Ribas de Sil grazas á aplicación Park4night, na que ten case cinco estrelas, a máxima puntuación posible

É o caso de Jesús, de Lleida, quen, de camiño a Santiago, fixo parada na localidade, onde aproveitou para pegarse un mergullo. A maioría dan coa área de Ribas de Sil grazas á aplicación Park4night, na que ten case cinco estrelas, a máxima puntuación posible. As boas críticas non quedan só na plataforma. "Hai pouco veu unha familia ao Concello a darnos as grazas. É reconfortante e medras 20 centímetros cada vez que che din algo así", chancea Castro.

O único problema do que se queixan os usuarios é que só hai tres espazos. "É un pouco xusto", lamenta Jesús, que explicaba que varias autocaravanas tiveran que dar a volta ao ver que a área estaba completa. Cando o goberno local ideou esta zona fai uns dez anos "o movemento empezaba a poñerse de moda e pensamos que tres prazas serían suficientes", comenta Castro.

A demanda destes visitantes poderaá cubrir nuns meses o Xeocámping de San Clodio, onde, por un prezo "que seguramente sexa módico", as autocaravanas poderán conectarse á electricidade, acampar e montar o toldo, algo que non é posible na actualidade nesta localidade.

Os hostaleiros, moi contentos
A crecente afluencia de autocaravanas xa reverte na hostalería local. Pablo González, responsable do restaurante Praia Fluvial, a escasos metros da área, asegura que máis dun día despacharon unhas 25 comidas só para usuarios destes vehículos. Calcula que a chegada de autocaravanas a San Clodio aumentou este ano un 50% con respecto a 2020. "Puxéronse de moda", comenta.

Poder adquisitivo
Fronte ao pensamento inicial dos hostaleiros de que os caravanistas comerían nos seus vehículos sen deixar un euro na economía local, Pablo aclara que é do todo desacertado. "Son xente de poder adquisitivo alto", explica. Roberto Castro coincide con el e a mellor proba diso, di, "é que ter unha autocaravana é caro, son xente de cartos".

Comentarios