domingo. 23.02.2020 |
El tiempo
domingo. 23.02.2020
El tiempo

Resina para volver ao monte

Xián Santos e Lucas Iglesias en Pantón, este mércores. LUIS A. RODRÍGUEZ
Xián Santos e Lucas Iglesias en Pantón, este mércores. LUIS A. RODRÍGUEZ
Os mozos Xián Santos e Lucas Iglesias apostan pola extracción deste material como alternativa de explotación dos piñeirais en Galicia

Resinar como opción de futuro. É a aposta do pontevedrés Xián Santos e do lucense Lucas Iglesias, que hai uns anos se mudaron ao municipio de Pantón para adicarse á extracción deste material. Atraído pola vida no rural, Santos obtivo un título de Formación Profesional sobre xestión forestal e comezou os estudos de Enxeñería Forestal na UVigo. "Alí entrei en contacto con este mundo e interesoume moito, por iso comecei a resinar", conta o mozo de 26 anos sobre o inicio da súa aventura.

Para experimentar sobre o aproveitamento da resina dos piñeiros e o rendemento económico que pode ofrecer aos propietarios dos montes, Santos mudouse a Tuiriz, no concello de Pantón. "Xunteime con outros dous colegas que tamén estaban interesados no tema, coñecéraos en diversas charlas que impartín sobre o tema e agora compartimos casa, que estaba baleira dende había dez anos e agora volve estar habitada", indica o mozo.

Xián Santos e máis os seus outros dous compañeiros venden o material que recolectan a unha empresa de Segovia que se encarga da súa distribución. Pero, para que serve a resina? "Ese material destílase para sacar aguarrás natural e outro composto denominado colofonia, que se usa para cosmética ou farmacia, ademais de para fabricar plásticos biodegradables", explica Santos. Pero, sobre todo, a resina serve para repoboar o rural e sacar rendemento aos montes.

"É unha actividade que che obriga a vivir preto dos piñeiros, polo que é un xeito de repoboar as aldeas nas que agora vive pouca xente", conta o mozo, que sinala esta como unha opción de futuro para sacarlle rendemento ao monte á vez que este se mantén limpo de maleza, evitando os temidos incendios na época máis seca.

COMUNIDADE DE MONTES. De feito, Santos traballa maioritariamente en terreos pertencentes a comunidades de montes da zona, xa que o terreo de monte privado en Galicia, co minifundismo como característica determinante, supón máis dificultades á hora de extraer a resina. Xunto aos seus outros dous compañeiros, explotan actualmente unha extensión de 16 hectáreas que en dous anos se vai cortar para repoboar a zona con castiñeiros. "Esta é unha actividade compatible coa tala para a madeira, de xeito que se poden aproveitar os piñeiros dende que teñen un diámetro de 25 centímetros ata que cumpren os 12 anos, cando se adoitan talar", explica.

Deste xeito, aínda que a área na que traballen agora vaia ser substituída por castiñeiros, contan con outras 200 hectáreas de piñeiros a menos de tres quilómetros que tamén están dispoñibles para a súa explotación, xa que esta é a única especie arbórea da que se pode aproveitar a resina. "Adaptámonos aos tempos das talas para poder aproveitar plantacións mentres non se talan", conta o mozo.

A campaña para a extracción da resina ten unha duración anual e repítese de xeito cíclico, de xeito que no mes de febreiro se realizan uns determinados cortes na codia do piñeiro, en marzo colócanse unhas chapas metálicas para dirixir a resina cara a un recipiente e en maio comeza o proceso de resinación propiamente dito, durante o cal se realizan cortes na codia das árbores cada doce días. A resina extráese no mes de outubro. Un piñeiro pode producir entre dous e medio e tres quilos deste produto ao ano. O prezo por quilo oscila arredor dos dous euros.

"É unha actividade que dá rendemento, unha persoa pode abarcar ata 5.000 piñeiros, pero pódese compatibilizar con outras cousas, como o cultivo dunha horta para o autoconsumo", sostén.

Resina para volver ao monte
Comentarios