Residentes no oriente galego protestan polos parques eólicos

Estúdase a súa instalación en varios montes entre O Courel e a zona do Bierzo
Un grupo de manifestantes de O Courel. EP
photo_camera Un grupo de manifestantes do Courel. EP

Preto de medio milleiro de persoas participaron nunhas marchas reivindicativas convocada pola organización Así Non e a plataforma de coletivos do Courel, O Bierzo, Trevinca e Cabrera para, dixeron, defender os seus montes de macroproyectos eólicos promovidos por multinacionais escandinavas. As camiñadas reuniron á veciñanza das zonas afectadas polos diversos parques eólicos que se estuda implantar nas montañas orientais da Galicia.

Pedro Romeo, da asociación A Volta Grande do Courel, e Patricia García de Corrais-Barxas, da plataforma veciñal Rural Sostibel, encargáronse de ler un manifesto no que destacaron a necesidade de defender unha transición enerxética xusta que garanta a vida dos pobos e da biodiversidade da comarca.

Afirmaron que as grandes multinacionais do sector enerxético, coa conivencia dos gobernos e de políticos de moi diferente espectro, cambian a súa aparencia de compañías contaminantes pola de empresas "verdes comprometidas co medio ambiente". Engadiron que as consecuencias deste proceso "tócanos pagalas aos habitantes dun medio rural cada vez máis espoliado e menos habitábel".

O manifesto culminou reivindicando aos gobernos de Galicia, Castela e León e de España que fagan unha lexislación con medidas concretas para o desenvolvemento sostible e unha planificación enerxética racional.

Tamén reclaman que se prime un modelo de xeración de enerxía autogestionado a través de pequenas instalacións e cooperativas para evitar a sobrexplotación e as megainfraestruturas que afectan as poboacións e recursos naturais.

Reclaman excluír a posibilidade de expropiacións forzosas para implantar estas centrais e defender a soberanía enerxética a través da participación cidadá e a vixilancia pública.

Comentarios