Rescatado un pescador en apertos no encoro de Belesar de Chantada

Para sacalo foi necesario usar cordas e arneses
Encoro de Belesar. EP
photo_camera Encoro de Belesar. EP

Os servizos de urxencias rescataron a un pescador que se atopaba en apertos nunha zona próxima ao río Miño, no encoro de Belesar, situado no municipio de Chantada. O home foi a pescar e cando quixo saír viuse incapaz de facelo debido ás fortes correntes e a crecida do caudal do río, polo que sobre as 21.00 horas da pasada xornada alertou a un amigo seu, que foi quen pasou o aviso ao 112 Galicia. 

En concreto, cando os equipos de intervención acudiron a lugar o home estaba fose da auga, debaixo da Ponte Nova, nunha zona de difícil acceso. Para sacalo de alí tiveron que usar cordas e arneses que facilitasen a súa saída dunha "rexión vertical do encoro". 

Desde o Centro Integrado de Atención ás Urxencias (CIAE) 112 Galicia, púxose en marcha un operativo que contou coa intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Chantada e dos axentes da Garda Civil e da Policía Local. Unha vez que conseguiron rescatalo, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento confirmaron ao 112 que, aínda que o pescador estaba algo aparvado pola situación, non necesitaba asistencia médica.

Comentarios