Rescatada en helicóptero unha muller que caeu na Ruta da Castaña na Pobra do Brollón

As condicións do terreo, rochoso, esvaradío e de difícil acceso obrigaron a unha evacuación aérea

O helicóptero Pesca II acudiu este xoves ao rescate dunha muller que sufriu unha caída mentres realizaba a Ruta da Castaña no municipio lucense da Pobra do Brollón. Segundo informou o 112, as condicións do terreo, rochoso, esvaradío e de difícil acceso, fixeron necesaria a evacuación da ferida no helicóptero, para ser atendida no Hospital de Ourense das lesións provocadas pola caída, concretamente, un traumatismo nas costas e nun brazo.

Foron os organizadores da actividade os que se puxeron en contacto co 112 Galicia para informar da situación e solicitar asistencia médica para a muller. Así, pediuse a colaboración dos servizos sanitarios de urxencia, dos membros do GES de Quiroga e dos Bombeiros de Monforte.

Unha vez no lugar, solicitouse tamén a intervención dos rescatadores do Servizo de Gardacostas de Galicia, para realizar a evacuación da ferida por vía aérea.